Google e Cuba asinan un acordo para aumentar a velocidade de conexión á rede

A segunda empresa en cotización bursátil do planeta, Google, e a Empresa Estatal de Telecomunicacións de Cuba asinaron esta segunda feira un acordo para aumentar a velocidade de conexión na illa aos produtos do xigante tecnolóxico norteamericano.

Cuba

O desxeo EUA-Cuba tivo unha potente tradución simbólica esta segunda feira coa asinatura dun acordo entre Google -a segunda empresa en cotización bursátil do mundo, só superada pola tamén norteamericana Apple- e a Empresa Estatal de Telecomunicacións de Cuba.

O goberno cubano ten o obxectivo estratéxico de estender o uso doméstico de Internet -neste momento moi limitado- e aínda de aumentar a velocidade da conexión, tamén para mellorar a produtividade das empresas do sector estatal da economía.

Segundo informa Granma, o acordo con Google permitirá "a velocidade e a calidade das prestacións e a optimización da rede internacional de Etecsa, ben como acortar o tempo de acceso a algúns contidos que requeren dun maior ancho de banda, como os vídeos Youtube".

Google -cuxo valor bursátil sitúase neste momento por volta dos 420.000 millóns de dólares- está na maior das Antillas desde 2004 con produtos como Google Chrome, Google Pay e Google Analytics.

Comentarios