Os EUA abstéñense

Golpe a Israel: A ONU aproba unha resolución contra os asentamentos en Palestina

O Consello de Seguridade das Nacións Unidas vén de aprobar unha resolución contra os asentamentos de Israel en Palestina. Unha resolución que, a ollos do pobo palestino, representa un golpe a Israel. Os EUA abstivéronse na votación.

rafaelramirez2
photo_camera [Imaxe: Rafael Ramírez] Consello de Seguridade da ONU

Após anos de silencio, o Consello de Seguridade da ONU aprobou a sexta feira unha resolución contra os asentamentos de Israel en Palestina. Fíxoo con 14 votos a favor dos 15 países que forman parte do órgano. Os EUA abstivéronse na votación.

O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, presionou nas últimas semanas os EUA para que empregasen o dereito ao veto, co fin de impedir a resolución. Porén, o país norteamericano optou por non facer valer o dereito a veto. Precisamente, hai cinco anos, durante a Presidencia de Barack Obama, os EUA empregaban por primeira e derradeira vez o dereito a veto e obstaculizaban a aprobación dun texto semellante.

Hai cinco anos, os EUA obstaculizaban unha resolución semellante

Palestina ve nesta resolución “un gran golpe para Israel”. E é que o Consello de Seguridade esixiu que Israel remate “de maneira inmediata e completa” os asentamentos ilegais. Tamén instou ambas as partes a loitar contra o terrorismo e acabar coa incitación á violencia.

Impulsores da resolución

Foi Exipto, no nome da Liga Árabe, quen presentou a resolución, un texto do que foron coautores Nova Celandia, Malasia, Venezuela e O Senegal. Estes países puxeron de manifesto no documento que os asentamentos levantados por Israel na zona ocupada desde 1967 carecen de validez legal e representan unha grave violación das leis internacionais.

Aliás, a resolución salienta que as colonias de Israel son unha traba para a paz en Oriente Medio.

Comentarios