Golpe de graza xudicial ao nazismo grego

O asasinato en setembro de 2013 do rapeiro e activista de esquerdas Pavlos Fyssas por parte dun membro de Amencer Dourado supuxo o comezo do ocaso deste partido político neonazi, que xa nas pasadas eleccións xerais gregas non logrou representación parlamentaria. Onte apagóuselle a luz por completo en forma de sentenza xudicial.
EuropaPress_3361134_07_october_2020_greece_athens_protesters_take_part_in_protest_outside_the
photo_camera Concentración onte en Atenas, ante o tribunal de apelacións, á espera da sentenza dun caso que se prolongou durante máis de cinco anos (Socrates Baltagiannis / dpa)

"O proceso xudicial máis longo na historia de Grecia e o máis importante xuízo a nivel global ao nazismo desde Nuremberg chega ao seu final", escribía o xornal de esquerdas Avgi pouco antes de se coñecer a sentenza do Tribunal de Apelación de Atenas. Esta chegou onte: a xustiza decretou que a cúpula de Amencer Dourado, incluído o seu líder, Nikolaos Michaloliakos, é culpábel de dirixir unha organización criminal. 

A decisión, histórica, chega despois de entender que os crimes cometidos por membros e militantes deste partido neonazi, que no seu día foi terceira forza política do país con 18 dos 300 escanos do Parlamento, foron realizados baixo o amparo e as ordes de Amencer Dourado. 

O tribunal debíase pronunciar sobre tres casos. O primeiro, o asasinato do rapeiro e activista de esquerdas Pavlos Fyssas: de 34 anos e coñecido polo nome artístico de Killah P, foi apuñalado o 18 de setembro de 2013 por un home que traballaba na cafetaría das oficinas de Amencer Dourado. O segundo, a tentativa de homicidio de varios mariñeiros exipcios, o 12 de xuño de 2012. E o terceiro, outro intento de asasinato, neste caso contra membros da fronte sindical comunista PAME, o 12 de setembro de 2013.

O proceso xudicial prolongouse durante máis de cinco anos. As máis de 15.000 persoas, segundo os medios locais, que se concentraron ante o tribunal recibiron con aplausos o veredicto. Segundo o diario Kathimerini, producíronse algúns incidentes coas forzas de seguridade despregadas, uns 2.000 axentes da Policía. Entre os presentes estaba a nai de Fyssas, que recibiu con emoción a sentenza, segundo a televisión pública ERT

Editorial conxunto

Tamén alí estaba o ex primeiro ministro Alexis Tsipras, da esquerdista Syriza, que, canda outros líderes políticos ─entre estes, o actual premier, Kyriakos Mitsotakis─, asinou unha columna de opinión o pasado domingo no xornal Efimerida ton Sintakton pedindo xustiza contra Amencer Dourado. 

Alén de Tsipras e Mitsotakis, tamén firmaron a peza Antonis Samaras, ex primeiro ministro de Nova Democracia, partido de Mitsotakis; Fofi Gennimata, presidenta do socialdemócrata Pasok; Dimitris Koutsoumpas, secretario xeral do Partido Comunista de Grecia; e Yanis Varoufakis, ex ministro de Economía con Tsipras.

O ocaso de Amencer Dourado iniciouse co asasinato de Pavlos Fyssas. Unha enquisa realizada na altura mostraba un importante descenso no apoio á formación a partir do crime. Tamén reflectía a idea de que a ampla maioría da cidadanía grega consideraba que este partido ameazaba a democracia.

Pola súa banda, a formación política sempre defendeu que estaba a ser vítima dunha persecución xudicial. Nos últimos anos foi perdendo forza e na actualidade renega da ideoloxía nazi. Nas pasadas eleccións xerais, de xullo de 2019, non conseguiu representación parlamentaria ao non chegar ao mínimo de 3% dos sufraxios.

Avance en Europa

Para a ONG Amnistía Internacional, que estaba onte presente na sala do tribunal, "as actividades de Amencer Dourado puxeron de manifesto unha fisura que existe non só na sociedade grega, senón en toda Europa e noutras partes do mundo". 

"A histórica sentenza de hoxe é un recoñecemento da ameaza sistémica que representa para as nosas sociedades un grupo violento e racista, e un compromiso de que non se debe permitir que esta ameaza continúe", sinalou aos medios de comunicación Nils Muižnieks, director de Amnistía Internacional para Europa.

Esa "ameaza" mantense moi viva no continente. Na pasada terza feira, por exemplo, o Goberno de Alemaña publicou un informe detallando máis de 350 casos de episodios de extrema dereita rexistrados no seo das forzas de seguridade do país. Nomeadamente, 319 producíronse nas axencias policiais dos länder e outros 58 nos servizos de seguridade federais, todos entre xaneiro de 2017 e marzo deste ano 2020.

Noutros países como Portugal tamén se está a vivir un ascenso da ultradereita a nivel político, que a Rede Europea contra o Racismo (ENAR) culpa do aumento de casos de violencia racista dos últimos tempos. O máis grave aconteceu en xullo pasado, cando o actor negro Bruno Candé foi asasinado a tiros polas costas. ENAR cualificouno de "crime racista explícito".

Con todo, segundo unha enquisa de Politico, o apoio popular á extrema dereita descendeu na maioría dos países do Vello Continente por mor da pandemia. A excepción, Eslovaquia, Polonia, Italia e Hungría, onde subiu. 

Comentarios