Un golpe de Estado remata co Goberno de Evo Morales

O presidente boliviano Evo Morales e o seu número dous Álvaro García Linera fixeron pública a súa renuncia ás máximas responsabilidades do Estado. Após anunciar na mañá do domingo a convocatoria duns novos comicios, deixan de dirixir o país.
golpe estado bolivia
photo_camera Evo Morales, no centro, anuncia a súa renuncia.

Os movementos golpistas contra Evo Morales eran unha evidencia tras as eleccións celebradas o pasado 29 de outubro. Malia o contundente triunfo da coalición encabezada polo Movemento ao Socialismo e as organizacións sociais e sindicais da esquerda, a oposición negouse a recoñecer os resultados, contando na súa táctica co apoio da OEA (Organización de Estados Americanos) que demandou ao Goberno a repetición dos comicios.

Unha operación dirixida desde a embaixada de Estados Unidos

A negativa do Goberno progresista a que lle roubaran a vitoria nas urnas abriu a porta a unha estratexia desestabilizadora, con protestas violentas ao longo do país e unha participación decisiva da embaixada dos Estados Unidos. Ás mobilizacións na rúa, convocadas polas organizacións patronais, seguíronlle as protestas das forzas de seguridade, amotinadas en varias cidades contra o goberno lexítimo; e tamén as accións radicais de grupos de extrema dereita ao servizo da oligarquía.

O triunfo da estratexia golpista

O Goberno boliviano e os seus socios non dubidaron en denunciar o movemento golpista nas últimas semanas. Neste sentido, sinalouse a posición dos dirixentes dos antigos estados do ALBA (Alianza Bolivariana das Américas), nomeadamente de Cuba e Venezuela; das organizacións progresistas do cono sur e dalgúns dos seus aliados comerciais máis importantes, como o Goberno chinés, con intereses económicos no conglomerado empresarial público.

O exército pon fin ao Goberno socialista

A decisión de repetir as eleccións de outubro, anunciada na mañá do domingo por Morales e Linera, non abondou para paralizar a trama golpista. Unha vez feito público o compromiso do Goberno boliviano de asumir as condicións impostas pola OEA, contra as que a poboación se tiña mobilizado nos últimos días, a cúpula militar deu un paso adiante, esixindo a renuncia de Evo Morales e do seu vicepresidente, Álvaro García Linera. Coa súa dimisión, buscan evitar un baño de sangue no país.

Os militares apartaron a Morales da presidencia tras o seu recente triunfo electoral.

Todo por Bolivia, todo pola patria

Segundo as palabras de Morales, “estamos renunciando para que os nosos irmáns humildes non sexan pateados, humillados. Non queremos que haxa enfrontamentos. Decidimos renunciar ao noso triunfo para que haxa eleccións. Todo por Bolivia, todo pola patria”. Na mesma comparecencia, Linera destacou “o importante labor do executivo para poñer os hidrocarburos ao servizo do país”, nunha referencia velada a aqueles intereses que se atopan tras o golpe.

Morales non marchará ao exilio

Nestes momentos descoñecese o futuro de Morales. Se ben os sectores da oposición anunciaron a súa saída inmediata de Bolivia, chegando mesmo a confirmar o seu exilio en Cuba ou Uruguai, Morales mantén “a súa intención de permanecer no país para dar continuidade a loita”. O triunfo do golpe de Estado en Bolivia pon fin a unha experiencia política que conseguiu un gran desenvolvemento económico no país, abriu a porta o recoñecemento dos pobos orixinarios e ampliou as cotas de igualdade e benestar.

Comentarios