Golpe de Estado en Exipto: os militares suspenden a Constitución aprobada polo pobo

O Exército depón o goberno islamista de Morsi e declara suspensa a Constitución, aprobada polo pobo. O dirixente do Partido da Liberdade e da Xustiza non aceita o seu derrocamento e pide ao pobo que tampouco o faga.

Exipto
photo_camera Exipto

O golpe de Estado prodúcese após varios días marcados pola tensión e os confrontos nas rúas. Os choques entre partidarios de Morsi e os golpistas saldáronse hoxe con 16 mortos e arredor de 200 feridos no Cairo.

O presidente lexítimo de Exipto, agora deposto pola vía das armas, enfrentara nas últimas horas un ultimato do Exército para que abandonase o poder. Contestouno afirmando a súa lexitimidade e chamando á formación dun goberno de unidade nacional.

O Exército, o poder fáctico do país desde a descolonización, sempre moi ligado aos EUA, opta por suspender tamén unha Constitución que foi aprobada en Decembro de 2012 cun apoio superior ao 62 por cento dos votos.

Durante a época Mubarak, Exipto era, despois de Israel, o principal aliado dos EUA na rexión, até o ponto de recibir fundos provenientes de Washington por un monto superior aos 2.000 millóns de dólares ao ano.

Comentarios