"Golpe aos dereitos humanos", din as ONG sobre a elección de Raisi no Irán

O clérigo ultraconservador foi o vencedor dos comicios presidenciais con máis de 61% dos votos, e ponse fin á etapa do moderado presidente saínte, Hassan Rouhani.

EuropaPress_3792417_handout_19_june_2021_iran_tehran_iranian_outgoing_president_hassan_rouhani
photo_camera O presidente saínte, Hassan Rouhani, (á dereita) visitou onte o presidente electo, Ibrahim Raisi, tras se coñecer os resultados (Foto: Presidencia do Irán / dpa)

O clérigo ultraconservador Ibrahim Raisi foi o claro gañador das eleccións presidenciais no Irán desenvolvidas na xornada da sexta feira, con máis de 17,9 millóns dos votos emitidos (máis de 61%), segundo os resultados definitivos publicados polo ministro do Interior, Abdolreza Rahmani-Fazli.

O seu rival máis próximo Mohsen Rezaei, logrou 3,4 millóns de votos, informou a canle de televisión local Press TV. Máis atrás ficou Abdolnaser Hemati, con 2,4 millóns, e Amirhosein Qazizadé Hashemi, con case un millón de papeletas, segundo as cifras oficiais. A participación foi de 48,8%.

As ONG internacionais Amnistía Internacional (AI) e Human Rights Watch (HRW) afirmaron que a elección de Raisi como novo presidente supón un golpe aos dereitos humanos e pediron que fose investigado pola súa suposta implicación nas execucións extraxudiciais de miles de presos políticos en 1988.

O Iran nunca recoñeceu esas execucións masivas, e Raisi nunca fixo ningunha referencia ás acusacións de vello sobre a súa participación. Algúns clérigos afirmaron que os xuízos na altura foron xustos e celebraron a "eliminación" da oposición armada nos primeiros anos da Revolución Islámica de 1979.

"Propaganda de medios mercenarios"

O Líder Supremo, o aiatolá Alí Khamenei, felicitou o pobo iraniano por esta "gran vitoria". "A gañadora das eleccións de onte é a nación iraniana. Alzouse ante a propaganda dos medios mercenarios do inimigo que apela o débil de mente", engadiu.

"Nin as dificultades económicas, nin a angustia da ameaza da COVID-19, nin os intentos da oposición de desanimar a xente lanzados hai meses nin as interrupcións das primeiras horas das eleccións superaron a determinación da nación iraniana", subliñou.

Raisi, que pasou a maior parte da súa carreira na xudicatura, chegou a converterse en custodio da fundación relixiosa Astan Quds Razavi, a máis grande no mundo islámico, o que fai que acumule un gran poder e que figure mesmo como principal favorito a suceder a Khamenei á fronte do país.

O clérigo, derrotado por Rohani en 2017, foi designado en 2019 como xefe da xudicatura e pouco despois, como vicepresidente da Asemblea de Expertos, onde puido aumentar a súa influencia.

Comentarios