O golfo de México, afectado dez anos despois do vertido de 'Deepwater Horizon'

A fauna mariña da zona, como golfiños, tartarugas e outras especies do golfo de México continúan baixo un serio risco polo petróleo, sinala a National Wildlife Federation.

deepwater_horizon
photo_camera Incendio na plataforma 'Deepwater Horizon', en abril de 2010 (US Coast Guard)

Unha década despois do peor vertido de petróleo ao mar acontecido nos Estados Unidos, a fauna mariña da zona, como golfiños, tartarugas e outras especies do golfo de México continúan baixo un serio risco. Afírmao a National Wildlife Federation (NWF), a organización de defensa da natureza con maior número de socios do país norteamericano, nun informe feito público nesta terza feira, 7 de abril.

O feito de que o golfo continúe sen recuperarse totalmente "non sorprende, dada a gran magnitude do desastre", afirmou o autor do informe, David Muth, director do Programa de Restauración do Golfo de México desta ONG.

A explosión do 20 de abril de 2010 na plataforma de perforación Deepwater Horizon causou a morte de 11 traballadores e a fuga duns 795 millóns de litros de cru dun pozo submarino antes de que se conseguise tapar, 87 días despois.

Co fin de recuperar o ecosistema investíronse 4 mil millóns de dólares e están orzamentados outros 12.000 millóns até 2032. NWF considera que gran parte dese diñeiro debería destinarse á restauración de estuarios, onde a auga doce se mestúrase coa auga salgada do golfo.

Comentarios