VÉN RATIFICAR O ACORDO UE-TURQUíA

O Goberno de Tsipras aproba unha lei para expulsar refuxiadas

O Parlamento grego aprobou esta sexta feira unha lei que limita o proceso de demanda de asilo de persoas refuxiadas e que regula a expulsión destas a “países seguros”.

REFUXIADOS
photo_camera REFUXIADOS

A lei aprobada a sexta feira recibiu o visto e prace da coligazón gobernamental formada por Syriza e Gregos Independentes (ANEL), así como do Pasok e do Potami e vén ratificar o acordo adoptado entre a UE e Turquía para deportar refuxiadas.

A nova lei actualiza as normativas gregas sobre asilo e estabelece un servizo de asilo con persoas e medios técnicos que xestionan a chegada de refuxiadas e trata de garantir a independencia administrativa e financeira da autoridade que estuda as peticións de asilo.

Dous procedementos

O Parlamento acordou estabelecer dous procedementos distintos para as persoas refuxiadas: un para as que chegan ás illas con centros de rexistro, portos e aeroportos e outro para as que chegan ao resto do territorio.

No primeiro caso, identificarase a persoa refuxiada e examinaranse as súas demandas de asilo nos centros de rexistro. Os dados analizaranse nos tres días seguintes á solicitude e o cuarto día daráselle resposta á persoa interesado. Para as persoas que non demanden asilo ou cuxa solicitude fose rexeitada, procederase á deportación a “países seguros” -como Turquía.

Para as persoas que non cheguen a un dos centros de rexistro das illas e pidan asilo noutros puntos do país, o prazo máximo de tramitación será de 12 meses, prazo en que as persoas demandantes de asilo poderán acollerse a permisos de residencia e traballo. Porén, poderán ser sometidas a limitacións de desprazamento dentro do territorio grego namentres a súa petición sexa estudada.

Comentarios