O goberno soberanista do Quebec disolve o Parlamento e convoca eleccións con vistas á maioría absoluta

O PQ, de tendencia soberanista, gobernaba en minoría, ao ter nas eleccións de 2012 o 32% dos votos e 54 dos 125 escanos. As sondaxes apuntan a que agora podería rozar a maioría. 

quebec

Tan só 18 meses despois das últimas eleccións (setembro de 2012) o goberno soberanista de Quebec disolveu o Parlamento e convocou eleccións anticipadas. Se ben non se fixou aínda a data dos comicios, as especulacións de círculos políticos e mediáticos apuntan ao 7 de abril, segundo o dario Ara.

A primeira ministra, Pauline Marois, do Parti Quebecois (PQ), defendeu a medida criticando a actitude da oposición, responsabilizándoa de bloquear a aprobación dos orzamentos. O PQ non tiña maioría dabondo (posúe 54 dos 125 escanos) para aprobalos.

As enquisas pronostican que a formación independentista PQ aumentaría en votos e que estaría rozando a maioría absoluta de se realizar agora as eleccións. O 'Journal de Montreal' publicou unha sondaxe na que o 45% dos francófonos do Quebec afirmarían a intención de votar PQ mentres que só un 25% optarían polo Partido Liberal (federalista).

No Parlamento actual o PQ ten 54 dos 125 deputados após atinxir o 32% dos votos nas eleccións de 2012. O federalista Partido Liberal obtivo 46 escanos (30% dos votos). E o nacionalista Coalition Avenir Quebec, co 27% dos sufraxios, logrou 19 deputad@s.

Comentarios