Rusia recoñece a independencia das repúblicas de Donetsk e Lugansk

"Rusia fixo todo o posíbel para solucionar o conflito de forma pacífica, mentres Kiev estivo maltratando a xente que vive alá ao longo destes últimos anos", afirma Putin.
Vladimir Putin, na súa intervención televisada desta segunda feira (Foto: Aleksey Nikolskyi / Sputnik).
photo_camera Vladimir Putin, na súa intervención televisada desta segunda feira (Foto: Aleksey Nikolskyi / Sputnik).

O presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, dirixiuse esta segunda feira ao Consello de Seguridade do país nunha comparecencia retransmitida en directo que mantivo en ascuas medio planeta. Na súa intervención, Putin afirmou que "ninguén discute" que en 2014 se produciu un golpe de Estado armado en Ucraína, dando lugar á formación das autoproclamadas repúblicas populares de Donetsk y Lugansk.

Desde entón, apuntou, "Rusia fixo todo o posíbel para solucionar o conflito de forma pacífica", mentres Kiev "estivo maltratando a xente que vive alá ao longo destes últimos anos". O Goberno ucraíno, dixo, "non ten intención de implementar os acordos de Minsk".

"A crise de Ucraína está relacionada cos nosos intereses en materia de seguridade", afirmou o presidente ruso, en alusión ao vencello existente entre o recoñecemento das repúblicas do Donbass e os "problemas de garantía de seguridade en Europa e o mundo".

Putin salientou os "vencellos históricos" entre Rusia e a nación ucraína, "ideada polo líder da Revolución de Outubro [Lenin]", polo que "non é só un país veciño".

Neste contexto, subliñou que Kiev "caeu baixo control externo" até porse ao nivel "dunha colonia cun réxime títere". "Os EUA e a OTAN comezaron a explotar descaradamente Ucraína como escenario de posíbeis operacións militares", asegurou.

No tocante á rexión de Donbass, o mandatario afirmou que foi "literalmente metida con dificultade" en Ucraína e salientou que a situación na rexión "volve ser crítica e aguda".

"Os que tomaron o camiño da violencia, o derramamento de sangue e a anarquía non recoñeceron nin recoñecen ningunha outra solución ao problema do Donbass que non sexa a militar", dixo Putin. "Por tanto, creo que é necesario tomar a decisión longamente esperada de recoñecer inmediatamente a independencia e a soberanía da República Popular de Donetsk e a República Popular de Luhansk", sentenciou.

Comentarios