Noruega, un estado que non pertence á UE e que non ten vínculos históricos con Venezuela, é quen lidera o proceso de mediación internacional entre o Goberno de Nicolás Maduro e os sectores da oposición que lanzaron un golpe falido contra as autoridades lexítimas de Caracas.
Esta quinta feira, o goberno noruegués emitiu un comunicado oficial en que daba conta de que "os representantes dos principais actores políticos de Venezuela continúan as negociacións iniciadas en Olso no marco dunha mesa que traballa de maneira continua e expedita".
Por súa parte, o vicepresidente sectorial de Comunicación, Turismo e Cultura, Jorge Rodríguez, representante do goberno de Maduro nestas conversas, debruzouse sobre a xanela da rede social Twitter para lanzar o cancelo #DiálogoAvanza.
O comunicado de Noruega chega após o chanceler venezuelano, Jorge Arreaza, ter acusado a UE de tentar destruír o proceso de diálogo.
"As instituciones da Unión Europea empéñanse en perturbar e tratar de destruír o proceso de diálogo en Venezuela. Non respectan a soberanía nin o dereito á paz. Qué pensaría Jean Monnet [un dos fundadores das institucións comunitarias europeas]?", escribiu nas súas redes Arreaza.