O Goberno inglés critica Emmanuel Macron por rexeitar unha agresión nuclear contra Rusia

O presidente de Francia asegurou que a comunidade internacional "illará" Rusia se emprega armamento nuclear.
O responsábel de Defensa de Reino Unido, Ben Wallace. (Foto: Europa Press)
photo_camera O responsábel de Defensa de Reino Unido, Ben Wallace. (Foto: Europa Press)

O ministro de Defensa do Reino Unido, Ben Wallace, criticou o presidente de Francia, Emmanuel Macron, despois de que este asegurase que non habería unha “resposta nuclear” contra Rusia se o país empregase armamento desta tipoloxía.

Wallace acusou Macron de “mostrar as súas cartas” e confirmar que Francia non recorrerá, en principio, ás armas nucleares en caso de conflito militar con Moscova. Segundo informou o xornal británico Daily Mail, o Reino Unido levará a cabo a vindeira semana unha serie de manobras para recrear un posíbel ataque nuclear.

Precisamente o dirixente francés subliñou nunha entrevista para France 2 que a súa decisión basease unicamente nos intereses da nación”. “Isto implica claramente que [Francia] non se vería afectada se, por exemplo, ten lugar un ataque nuclear en Ucraína”, engadiu.

Porén, si afirmou que Rusia sufriría “graves consecuencias” no caso de empregar armamento nuclear nalgún momento. “Provocaría o seu absoluto illamento a nivel global”, puntualizou.

Manobras da OTAN con armamento nuclear

Mentres os Estados membros da OTAN acusan o presidente de Rusia, Vladimir Putin, de estar a sopesar a opción de levar a cabo un ataque nuclear en territorio ucraíno, a propia organización militar ten previsto para a vindeira semana un "exercicio de disuasión", denominado Streadfast Noon, con armamento nuclear.

Segundo asegurou o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, "é un exercicio rutineiro que se realiza todos os anos para manter a nosa disuasión segura e efectiva".

Ao mesmo tempo, Stoltenberg apuntou que "non se pode gañar" unha guerra nuclear "nin tampouco se debe librar", se ben matizou que a OTAN está "alerta" mais non detectou "cambio ningún" na postura de Rusia "a pesar das últimas ameazas", que cualificou de "perigosas e irresponsábeis".

Comentarios