mércores 27.05.2020

O Goberno grego promete fechar este ano o campamento de Samos

O anuncio fíxose tras rexistrárense varios incendios nos últimos días, supostamente cometidos polos propios migrantes para denunciar as condicións deste enclave. O Executivo prevé levantar un novo complexo a sete km de distancia.

Varios cidadáns sirios nun dos campamentos de persoas refuxiadas nas illas gregas (Nós Diario)
Varios cidadáns sirios nun dos campamentos de persoas refuxiadas nas illas gregas (Nós Diario)

O Goberno de Grecia prometeu que pechará antes de que acabe o ano o campamento de persoas refuxiadas da illa de Samos, onde se rexistraron varios incendios nos últimos días, supostamente cometidos polos propios migrantes para denunciar as condicións deste enclave.

"A situación en Samos é moi difícil. Pecharémolo", declarou o ministro de Migración, Notis Mitarakis, á cadea ERT despois de visitar o campamento, situado nunha zona alta xunto á localidade de Vathy. O Executivo prevé levantar un novo complexo a uns sete quilómetros de distancia.

Nos dous días anteriores, dous incendios provocaron a destrución de refuxios, nun aparente intento para presionar o Goberno a trasladar á poboación refuxiada á zona continental de Grecia. A Policía detivo a máis dunha vintena de migrantes pola súa suposta vinculación cos feitos.

O campo alberga na actualidade a unhas 6.800 persoas, aínda que foi deseñado para dez veces menos. Esta saturación repítese tamén noutros enclaves situados nas próximas illas de Lesbos, Kos, Leros e Quíos, punto de chegada das pateras que parten desde Turquía. En total, amoréanse nos cinco unhas 40.000 persoas.

comentarios