O Goberno francés recúa e manterá as mesmas horas lectivas de bretón

A redución prevista polo Ministerio de Educación galo fora acollida con ampla oposición, tanto por representantes políticos como pola cidadanía nas rúas.
diwan2_20feb2021
photo_camera Un momento da manifestación do pasado 20 de febreiro en Brest (Bretagne-Info / CC)

"Boas noticias! O intercambio co reitor [responsábel educativo do Goberno galo para unha determinada rexión académica] sobre as tres horas semanais de bretón na secundaria e para a dotación dun instituto en Vannes tivo éxito", comunicou en Twitter Diwan ("xermolo" ou "semente" en bretón), rede de escolas da Bretaña con base nun sistema de ensino por inmersión en lingua bretoa.

O pasado 20 de febreiro, unha manifestación percorreu as rúas de Brest en protesta pola decisión do Ministerio francés de Educación Nacional de reducir o número de horas para o ensino das chamadas "linguas rexionais". 

Unhas 2.000 persoas, ademais de organizacións políticas como UDB, entidades como Bretagne d'Avenir ou a coordinadora de asociacións culturais bretoas Kevre Breizh, participaron no acto, onde se criticou "o indescritíbel ataque" do ministro de Educación francés, Jean-Michel Blanquer, ao sistema de inmersión de Diwan, "e polo tanto, á lingua bretoa", segundo declarou Christian Troadec, alcalde nacionalista bretón de Karaez-Plougêr, localidade de 7.000 habitantes no departamento de Fisterra.

En concreto, a reforma introducida polo Goberno de Emmanuel Macron pretendía para o vindeiro curso a redución na asignación de horas de bretón desde tres por aula e por semana a tres por nivel, para asegurar mellor coñecemento do francés. Así, por exemplo, nunha escola con tres aulas por nivel só terían unha hora de bretón por semana. 

Tres horas "para sempre"

Mais tras a reunión mantida nas últimas horas entre o reitor para a zona da Bretaña, Emmanuel Ethis, e representantes de Diwan, as tres horas por aula e semana manteranse. Por parte da rede de escolas participaron Stéphanie Stoll, presidenta de Diwan; Gregor Mazo, director de Diwan; e Pascale Chevillard, directora educativa do centro de ensinanza secundaria. 

Stoll cualificou a xuntanza de "positiva" e valorou a vontade de diálogo por parte do reitorado, recolleu o xornal Ouest-France. "Puidemos expor a nosa visión e manifestar que a lingua bretoa non pode ser tratada desta maneira", sinalou, e engadiu que "falta un verdadeiro marco que teña en conta as especificidades da lingua bretoa". "Estas tres horas deben ser permanentes, e isto debe estar recollido nun acordo específico", sostivo.

A decisión do Ministerio de Educación francés, informou Franceinfo, obtivo un importante consenso entre os representantes políticos. Varios deputados e senadores bretóns, así como o presidente do Consello Rexional, manifestaran a súa oposición á medida e mesmo escribiran unha carta ao departamento den Blanquer. 

Comentarios