O goberno francés salta a votación parlamentar da reforma laboral

Apelou ao artigo 49.3 da Constitución que lle permite aprobar a medida sen sometela a escrutinio. 

Máis unha vez e van dúas o goberno de François Hollande saltou o procedemento habitual e aprobou, sen votación na Cámara, a reforma laboral. Fíxoo apelando ao artigo 49.3 da Constitución que lle permite suspender o debate parlamentar e abre un prazo de 24 horas para que a oposición presente unha moción de censura, apoiada iso si por unha décima parte do hemiciclo. Algo que a bancada conservadora avanzou que non vai facer. 

O texto volverá ao Senado e se hai discrepancias, de novo á Asemblea Nacional para a votación definitiva

O texto volverá ao Senado para unha segunda leitura, se non houber acordo volvería á Asemblea Nacional para ser votada de maneira definitiva. 

Malia a oposición popular, reflectida de novo nas rúas con multitudinarias mobilizacións convocadas polas organizacións sindicais esta terza feira, o primeiro ministro, Manuel Valls, asegurou que responde ao "interese dos franceses" co obxectivo de tornar o país "máis forte" fronte á competencia internacional ao proporcionar maior flexibilidade ás empresas á hora de investir. Aliás, asegura que os cadros de persoal estarán máis protexidos, algo que negan as centrais sindicais. 

Comentarios