O Goberno estatal aposta polo coche na desescalada

O distanciamento implicaría triplicar a frota de transporte público e o ministro José Luis Ábalos di que esa opción non é posíbel. 
Un autobús circula en Iruña con asentos precintados (imaxe Eduardo Sanz Europa Press)
photo_camera Un autobús circula en Iruña con asentos precintados (Imaxe:Eduardo Sanz / Europa Press)

Acrecentar a oferta de transporte público para garantir a distancia entre viaxeiras recomendada polas autoridades sanitarias sería "difícil" na primeira fase da desescalada, considerou nesta segunda feira, 27 de abril, o ministro español de Mobilidade José Luis Ábalos.

Por tal motivo, a aposta do ministro pasa por "complementar" o transporte colectivo co uso do automóbil privado ou a bicicleta, "dependendo das distancias", dixo.

"Manter a actual recomendación, de que a ocupación de viaxeiras sexa dun terzo da capacidade dos vehículos para garantir as distancias entre persoas, require triplicar a oferta e non hai capacidade, non temos o triplo de metros nin de autobuses", confesou o ministro. 


Para evitar aglomeracións no transporte, Ábalos chamou a promover o teletraballo, escalar os horarios nas empresas e reforzar a prevención. Tamén incidiu na necesidade de controlar o acceso ás estacións e en recomendar o uso de máscaras no transporte. 

Reactivar a xustiza

Coa mirada no desconfinamento, esta terza feira, 28 de abril, o Consello de Ministras abordará un plan de "desescalada". O presidente Pedro Sánchez avanzou que será "gradual" e que podería contemplar a opción de saír a facer deporte e dar paseos de maneira individual a partir do 2 de maio".

O Consello Ministerial tamén tratará o Real decreto de Medidas procesuais e organizativas para facer fronte á parálise que a pandemia causou na Administración xudicial e para evitar o colapso ao volver á actividade. Para iso, o Executivo debate esta terza feira habilitar parte de agosto e realizar xuízos telemáticos, sempre que se dispoña de medios e salvo nos procedementos penais de delitos graves, nos que a "presenza física da persoa acusada resulte necesaria", segundo contempla o borrador do decreto.

Nel sinálase que o obxectivo é "procurar unha saída áxil á acumulación dos procedementos suspendidos pola declaración do estado de alarma cando se produza o levantamento da suspensión". Porén, non se prevén novas contratacións co argumento de que non se poden xuntar máis persoas nos xulgados. A previsión é que o decreto se aprobe para ser aplicado de forma urxente.

O líder do PP, Pablo Casado, anunciou a súa oposición ao documento, a pesar de que, segundo o Ministerio, o responsábel de Xustiza no PP e no Goberno da Comunidade de Madrid, Enrique López, participou activamente na elaboración da norma. 

Reducir trabas nas bolsas

O ministro de Universidades, Manuel Castells, asegurou que o Goberno pretende rebaixar este ano os requirimentos académicos para conseguir bolsas de estudo, de tal maneira que o estudantado poida optar a elas ao ter aprobados, sen necesidade de contar con notas altas.  

Comentarios