O Goberno español xulga "ilegal" calquer "intento de secesión" en Ucraína

Escocia. Catalunya. E agora Crimea. O Goberno español enfatizou esta segunda feira que "calquer intento de secesión" en Ucraína sería "ilegal", en clara alusión ao referendo de autodeterminación convocado en Crimea para o 30 de marzo

margalho
photo_camera O ministro español

Os ministros de Asuntos Exteriores da UE realizaron esta segunda feira unha cimeira para analisar os últimos desenvolvimentos da crise desatada en Ucraína.

A UE recoñece a lexitimidade do novo goberno de Kiev, embora as forzas que lle dan suporte non respeitaron no seu momento o acordo alcanzado polo presidente deposto Ianukovich coa oposición ucraína, pacto en teoría amparado por Bruxelas.

En declaracións á imprensa española desprazada en Bruxelas para cubrir a cimeira dos chefes dos Asuntos Exteriores da UE, o chanceler español, José Manuel García-Margallo, puxo a énfase en defender que a Constitución ucraína consagra o país como un Estado "íntegro e indivisíbel", un termo co que evocaba a indivisibilidade da nación española prescrita pola Constitución de 1978.
García Margallo exixiu asemade a "retirada das forzas rusas" de Crimea, ao tempo que resaltou que cómpre substituír a dinámica do confronto entre a UE e Rusia pola lóxica da "cooperación".

A UE vai realizar unha cimeira de xefes de goberno esta quinta feira sobre a crise en Ucraína, sen que sobre a mesa estea en principio a resposta militar

Este encontro de ministros de Asuntos Exteriores precede a unha cimeira da UE ao máis alto nível, cos xefes de goberno e eventualmente de Estado, a realizar a vindeira quinta feira.

A UE advertiu hoxe a Moscova sobre a hipótese de lle impor sancións de non retirar as súas tropas de Crimea. A resposta militar á crise non está sobre a mesa, e esta mesma segunda feira foi desbotada polo ministro de Asuntos Exteriores do Reino Unido, William Hague.

Esta terza feira está previsto que chegue a Kiev o secretario de Estado dos EUA, John Kerry.
Esta tarde, Moscova negou que o seu mando militar en Crimea teña dado un ultimatum ás tropas ucraínas destacadas nesa república autónoma para nas próximas horas se renderen ante as forzas pro-rusas.

Comentarios