O Goberno español sinala Rusia como autor dun ciberataque contra o CSIC en xullo

O CSIC recibe "260.000 ataques diarios", di o Ministerio de Ciencia e Innovación.
A ministra de Defensa, Margarita Robles, xunto co embaixador ucraíno no Estado español, Serhii Pohoreltsev. (Foto: Europa Press)
photo_camera A ministra de Defensa, Margarita Robles, xunto co embaixador ucraíno no Estado español, Serhii Pohoreltsev. (Foto: Europa Press)

O pasado mes de xullo, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), organismo dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, sufriu un ciberataque. En concreto, durante os días 16 e 17 de xullo sete dos 140 centros dos que dispón quedaron sen conexión á rede.

Así o confirmou esta cuarta feira a ministra de Defensa do Estado español, Margarita Robles, para despois afirmar que a área de criptoloxía do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) recibiu o aviso do ciberataque tan pronto como se tivo constancia do mesmo.

Neste sentido, Robles non dubidou en sinalar Rusia como autor do ataque, e engadiu que que forma parte da guerra cibernética que o país está a desenvolver contra a comunidade internacional mentres prosegue o conflito bélico en territorio ucraíno.

"Igual que Rusia está atacando Ucraína, está empregando outro tipo de armas híbridas, como no caso que nos ocupa", detallou a ministra.

Sen perda de información

Sobre o ciberataque, o Ministerio de Ciencia e Innovación explicou que se empregou un virus  que encripta a información e a "secuestra" para que o autor da incursión poida pedir un rescate por ela.

Trátase dun tipo de ataque moi habitual contra organismos institucionais e de investigación. De feito, o ministerio cifra en "260.000 ataques diarios" que sofre o CSIC.

No caso desta incursión, o Executivo estatal subliñou que non se detectara a perda de información sensíbel ou que tivese valor en termos de investigación, polo que os centros do CSIC que viron cortada a súa conexión á rede estarían a recuperar a normalidade.

Preguntada pola orixe do ataque, a ministra de Ciencia, Diana Morant, tamén sinalou Rusia, mais evitou vencellar o conflito en Ucraína co ciberataque, e recoñeceu que "será moi difícil saber cal foi a fonte".

Comentarios