xoves 01/10/20

O Goberno español quere aprobar os Orzamentos e 171 normas antes de rematar o ano

171 propostas, entre decretos e leis, son as que quere sacar avante o Goberno español no que queda de ano. Así figura na folla de ruta que aprobou o Executivo. Entre elas salienta a norma que regulará o teletraballo, a reforma da Función Pública ou a nova Lei de Memoria que deixaría sen financiamento público a Fundación Francisco Franco.  
A vicepresidenta Carmen Calvo acudiu ao Senado após comparecer sobre o Consello Ministerial.
A vicepresidenta Carmen Calvo acudiu ao Senado após comparecer sobre o Consello Ministerial.

O Consello de Ministras e Ministros deu luz verde esta terza feira, 8 de agosto, ao novo plan normativo do Goberno español, que inclúe 171 propostas, entre tres leis orgánicas, máis de 50 ordinarias e 119 reais decretos. O obxectivo é sacar todas elas adiante neste segundo semestre do ano. A vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, destacou o esforzo do Goberno por atender "o extraordinario e o ordinario" en plena pandemia e adiantou que o Ministerio de Traballo ten intención de aprobar, "contando co diálogo social", a lei que regulará o emprego a distancia, a norma sobre protección laboral das persoas que prestan servizos por medios tecnolóxicos e a norma que reformará a estrutura e o ámbito temporal de aplicación da negociación colectiva. 

Tamén precisou que se aprobará a nova Lei de Función Pública para afrontar "transformacións renovadoras e  modernizadoras" e aproveitar os fondos europeos de 140.000 millóns para acometer reformas estruturais. Outras propostas para o que resta de ano pasan por unha nova Lei de Formación Profesional ou unha nova Lei de Ciencia. 

En materia fiscal, a vicepresidenta apuntou que se recollen propostas para o sostemento "xusto" da fiscalidade, incluíndo as dúas figuras novas xa en tramitación (taxas 'Google' e 'Tobin'), os coñecidos como impostos dixitais. 

Aliás, o Executivo prevé aprobar a próxima semana no Consello Ministerial o novo proxecto de Lei de Memoria Histórica, pola que se facilitaría a realizacións de exhumacións para recuperar os corpos das vítimas da ditadura e ficaría sen axudas públicas a Fundación Nacional Francisco Franco. 

Orzamentos do Estado

A portavoz do Goberno, María Jesús Montero, apelou os partidos, en especial o PP, para que  apoien os Orzamentos de 2021, xa que "non é momento nin de  vetos nin trincheiras". Segundo Montero, o Goberno ten "vontade" de "ampliar as bases" de apoios ás contas do Estado máis alá das forzas que fixeron posíbel a investidura de Pedro Sánchez. 

O Executivo, sen apoios para recoller os remanentes municipais

A portavoz do Grupo Socialista, Adriana Lastra, incidiu en que o PSOE "non dá por perdido" o decreto lei que recolle o acordo entre o Goberno estatal e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) sobre o uso dos remanentes do superávit dos concellos, o cal conta a priori co rexeitamento de toda a oposición no Congreso.

A Cámara ten que decidir esta quinta feira, 10 de setembro, se valida ou rexeita o decreto. Ese acordo para permitir o uso dos remanentes municipais fronte á pandemia aprobouse pola mínima na FEMP, grazas ao voto de calidade do seu presidente, o alcalde vigués Abel Caballero (PSOE).

De saír avante, os concellos terían que entregar os seus fondos aforrados dos remanentes a Madrid. Lastra confía na negociación para que o Congreso aprobe o acordo que considera "bo para a cidadanía" e para superar a Lei de Estabilidade de Mariano Raxoi.

comentarios