O Goberno español prevé recadar 1.818 millóns coas taxas Google e Tobin

O Executivo español aprobou onte as taxas Google e Tobin coas que pretenden recadar 1.818 euros para as arcas públicas. Tamén derrogou o artigo da reforma laboral que permitía o despido por acumular baixas médicas. UXT e CCOO  aplaudiron a medida, mais a CIG considerouna insuficiente e chamou a derrogar toda a reforma. 
As ministras Yolanda Díaz, María Jesus Montero e Irene Montero. (Imaxe: Eduardo Parra  / EP)
photo_camera As ministras Yolanda Díaz, María Jesus Montero e Irene Montero. (Imaxe: Eduardo Parra / EP)

O novo imposto dixital, coñecido como a taxa Google, e o que gravará as transaccións financeiras, a taxa Tobin, ficaron aprobados no Consello de Ministras do Goberno español, decorrido onte, logo de que ambas as medidas non chegaran a ver a luz na anterior lexislatura por mor do adianto electoral. 

O ano pasado, cando se agardaba a aprobación, prevíase que os dous impostos deran unha recadación de 2.050 euros. Porén, desta volta a portavoz do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, cifrou a recadación en 1.818 millóns de euros, unha cifra inferior que Montero xustificou por mor da "ralentización económica".

"É de xustiza que a sociedade se beneficie diso", dixo Montero

O Estado "moderniza o seu sistema fiscal facéndoo máis xusto, máis progresivo e redistributivo", sinalou a ministra após o Consello. O Imposto sobre Determinados Servizos Dixitais (a taxa Google) gravará as empresas que teñan ingresos anuais totais de 750 millóns de euros ou superiores e con ingresos no Estado español que suban dos 3 millóns de euros. Non haberá "discriminación en función de nacionalidade ou tipo de empresa", dixo Montero, e garantiu que as pemes non pagarán o imposto. 

Publicidade online

O obxecto da gravame a estas empresas será de 3% dos servizos de publicidade online, servizos de intermediación pola internet e a venda de datos xerados a partir de información proporcionada polas persoas usuarias durante a súa actividade ou venda de metadados. "É de xustiza que a sociedade se beneficie diso", dixo Montero. 

O Goberno procura así gravar ingresos obtidos no Estado español por grandes empresas internacionais a partir de actividades dixitais que non se atopan dentro do actual marco fiscal, o cal dixo Montero, que implica unha "competencia desleal" co pequeno comercio. 

Empresas como Apple, Google, Facebook ou Amazon pagaron polos seus beneficios no Estado español durante o ano pasado unha cantidade inferior ao Imposto sobre Sociedades que aboou a empresa con menor capitalización do IBEX 35.  

Este imposto non afecta á venda de bens ou servizos entre usuarias no marco dun servizo de intermediación online, nin ás vendas de bens ou servizos contratos a través da web dunha empresa provedora ou cando nos servizos a provedora non actúe como intermediaria. A taxa tampouco afecta a determinados servizos financeiros. 

O imposto seméllase ao aprobado por Francia o ano pasado e que se atopa paralizado polo Executivo galo á espera de que se pacte un modelo de imposto internacional, logo de que os Estados Unidos (EUA) anunciasen a imposición de aranceis a produtos franceses por considerar que este imposto dixital penalizaba principalmente os grandes xigantes tecnolóxicos dese país, como Amazon, Google ou Facebook.

En relación á posibilidade de que o presidente dos EUA, Donald Trump, ameace o Estado español con subir os aranceis aos vehículos ou outros produtos, Montero afirmou que as relacións co país norteamericano "son fluídas" e que os EUA xa eran coñecedores de que o Goberno español aprobaría esta taxa. 

Taxa Tobin

O imposto aprobado onte sobre as Transaccións Financeiras (taxa Tobin), gravará 0.2% as operacións de compra de accións españolas executadas por operadoras do sector financeiro. Unicamente se someterán a tributación as operacións de adquisición de accións emitidas en España de empresas cotizadas cuxa capitalización bursátil sexa superior a 1.000 millóns de euros. Non se gravará a compra de accións de pemes e empresas non cotizadas. 

O Goberno calcula que ingresará 850 millóns de euros por esta taxa e serán destinados a pensións e Seguridade Social.

Derrogación sen efectos retroactivos

O Consello de Ministras derrogou onte o artigo '52.d' do Estatuto dos Traballadores que permitía ao empresariado despedir persoal que, por motivos de saúde, acumulase baixas médicas xustificadas. 

Este artigo fora introducido coa reforma laboral do PP en 2012 e estabelecía que un contrato se podería extinguir por faltas de asistencia intermitentes que, aínda que fosen xustificadas, alcanzasen 20% das xornadas hábiles en dous meses consecutivos. 

Para  a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, a derrogación deste artigo procura "reparar dereitos e subsanar unha anomalía". 
A derrogación entra hoxe en vigor e carece de carácter retroactivo, polo que dificilmente afectará a denuncias xudiciais interpostas por despedimentos baseados neste punto. CCOO e UXT celebraron a derrogación, mentres que para sindicatos soberanistas como a CIG é "insuficiente" e demandaron tombar a reforma laboral por completo.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube  

Comentarios