O Goberno español “premia” o ex xefe do Estado Maior que saltou a lista para vacinarse

Noméao membro da Orde de San Hermenixildo, que “recompensa e distingue” cargos militares pola súa “irreprochábel conduta”.

O xeneral Miguel Ángel Villarroya (Foto: Moncloa)
photo_camera O xeneral Miguel Ángel Villarroya (Foto: Moncloa)

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica un Real decreto do Ministerio de Defensa polo cal nomea Miguel Ángel Villarroya como novo membro da asemblea da Orde de San Hermenixildo.

E quen é Villarroya? Un xeneral do exército do Aire que até hai uns días era, ademais, o Xefe do Estado Maior da Defensa (Jemad, nas siglas en español), cargo do que tivo que demetir despois de coñecerse que se saltara a lista para vacinarse.

Este nomeamento realízase a proposta da ministra de Defensa, Margaita Robles, de tras deliberación no Consello de Ministros. A Orde de San Herminixildo ten como obxectivos “recompensar e distinguir os oficiais xerais, oficiais e suboficiais do Exército de Terra, da Armada, do Exército do Aire, dos Corpos Comúns das Forzas Armadas e do Corpo da Garda Civil, pola súa constancia e irreprochábel conduta no servizo, a teor do que establecen as Reais Ordenanzas para as Forzas Armadas”.

Miguel Ángel Villarroya pediu o 23 de xaneiro o seu cese á ministra española de Defensa, Margarita Robles, para "preservar a imaxe das Forzas Armadas" despois de coñecerse que se saltara a cola para se vacinar.

O deputado nacionalista galego no Congreso, Néstor Rego, cualificou de “escandaloso” este nomeamento. 

Comentarios