O Goberno español mantén o rumbo e critica o plan b do PP para a fin do estado de alarma

Na primeira sesión de control ao Goberno do Estado no Congreso despois de que decaera o estado de alarma, o PP propuxo unha sesión de recriminación para intentar desgastar o Executivo coa tese de que os resultados das eleccións na Comunidade de Madrid do pasado 4 de maio reflexan a situación política en todo o Estado.

Carmen Calvo durante a súa intervención no Congreso, entre Pedro Sánchez e Yolanda Díaz. (Foto: R.Rubio.POOL / Europa Press)
photo_camera Carmen Calvo durante a súa intervención no Congreso, entre Pedro Sánchez e Yolanda Díaz. (Foto: R.Rubio.POOL / Europa Press)

O plan b xurídico do Partido Popular, unha proposta para restrinxir dereitos fundamentais sen a necesidade  de  estado de alarma para afrontar o control da pandemia da Covid-19, foi o centro dos cuestionamentos do Goberno do Estado durante a sesión de control no Congreso de onte.

Foi Carmen Calvo, vicepresidenta primeira, a encargada de criticar o plan b presentado polo Partido Popular antes do final do estado de alarma porque debilitaría o control de dereitos fundamentais.

Ademais, Calvo pediu valorar a xestión da pandemia destacando as medidas impulsadas no eido social a través de seis leis e 37 reais decretos no último ano e medio, diante do ataque de Cuca Gamarra, voceira no Congreso do PP, quen sinalou que “están dos nervios porque ven como a mala xestión da pandemia os leva por diante”.

A intervención da vicepresidenta chegou como resposta a unha das cuestións efectuadas polo PP no pleno, literalmente considerábase que “os españois merecen este caos e desgoberno?”, que formou parte dunha batería de preguntas para intentar desgastar o Executivo estatal e impulsar a tese de que os resultados das eleccións en Madrid o pasado 4 de maio, gañadas polo PP e nas que o PSOE foi superado por Más Madrid, se poden extrapolar no resto do Estado.

Logo chegou a quenda do presidente, Pedro Sánchez, e Pablo Casado, líder do PP, quen acusou Sánchez de “custar vidas” pola súa negativa a aceptar o plan b xurídico que propuxeran.

Sánchez, que avisou Casado de que “se lle está pondo cara de Albert Rivera”, asume que o “estado de alarma é o pasado”, e solicitou pór o foco de atención na inmunidade de grupo, que estimou será conseguida en 98 días (desde esta cuarta feira).

Pola súa banda, Gabriel Rufián,  de ERC, advertiu a Sánchez que aínda que non teñan "vontade", é a hora de que falen coa forza catalá se non quere rematar como o ex presidente José Luis Rodríguez Zapatero.

Comentarios