O Goberno español di que homenaxear o partido neonazi Amencer Dourado é ''liberdade de expresión''

Autorizou unha concentración en Málaga "porque non imos ir nin contra a liberdade de expresión nin contra o dereito de reunión recollidos na Constitución". Na Galiza, o número de persoas imputadas por "enaltecimento do terrorismo" por portaren fotografías de independentistas que non foran xulgad@s nin condenad@s rolda xa a vintena. 


"Non imos ir contra a liberdade de expresión e de reunión contida na Constitución". Foi o razoamento achegado polo Goberno español a través da súa subdelegación en Málaga para non prohibir a concentración de apoio convocada diante do consulado grego desta localidade en apoio ao partido neonazi Amencer Dourado.

Aliás, sinalaron que "para unha concentración non hai que solicitar nada; o contrario sería unha manifestación, que habería que dar aviso á policía local" e que "pode ou non gustar o motivo desta reunión, mais é un dereito dos cidadáns".

Segundo informaron @s convocantes deste acto, o que rexeitaban eran "as detencións abusivas e desmedidas sufridas polos nosos camaradas", en referenza ao arresto da cúpula deste partido --que ten 18 escanos no Parlamento grego-- no marco das investigacións do asasinato do cantautor e activista Pavlos Fyssas. Entenden que "estamos a ser perseguidos por ser fascistas e o fascismo non é unha enfermidade".  
 

  • "Detrás dos inmigrantes sodes os seguintes"

É o texto do panfleto que simpatizantes de Amencer Dourado repartiron nun barrio atenense de Gazi. "Os seguintes" era a comunidade de gais, lesbianas e transexuais. 
 

  • "Os inmigrantes asasinos converteron o país nunha xungla"

Con certa regularidade, integrantes deste partido, @s 'camisas negras', organizan cacerías en contra da poboación inmigrante. Sobre estas liñas, o argumento que empregaron para reclamar a recuperación da pena de morte, abolida en 1993, e para que a policía helena portase "armas militares".

  • "Para que o país se libre do lixo"

Foi o lema co que se presentou ás eleccións esta formación política da ultradereita cuxo símbolo recorda a cruz gamada dos nazis. O seu líder, Nikos Mijaloliakos, un ex-militar a quen a imprensa grega bautizou como 'Führer' --apelativo con que @s seguidor@s se referían a Hitler--, cualificou á poboación inmigrante como "escoria humana".




Namentres convocar concentracións de apoio a integrantes de Amencer Dourado detid@s por delitos de asasinato entra dentro do exercicio da liberdade de expresión, saír á rúa con fotos de militantes independentistas galeg@s pres@s mais que non foran daquela nin enxuizad@s nin condenad@s constitúe, a xuízo do mesmo Goberno, o español, un delito de "enaltecemento do terrorismo". O número de imputacións rolda xa a vintena.

Comentarios