O Goberno español empeorará a previsión da caída do PIB

A comezos do mes de outubro está previsto que o Goberno español actualice o cadro macroeconómico, cunha previsión dunha caída do PIB de dobre díxito, que podería oscilar entre 10% e 11%, para este ano. 
 
Ministras e ministros
photo_camera Ministras e ministros do Goberno español (Imaxe: Pool / Europa Press)

O Goberno estatal ten previsto actualizar a principios de outubro o cadro macroeconómico, cunha previsión dunha caída do Produto Interior Bruto (PIB) de 10% a 11% para 2020, así como presentar a nova "senda de estabilidade orzamentaria" cos novos obxectivos de déficit e débeda pública, xunto ao novo límite de gasto non financeiro (o chamado teito de gasto).

A última vez que o Executivo actualizou a senda e o cadro macroeconómico foi en maio, tras enviar o Plan de Estabilidade Orzamentario 2020-2023 a Bruxelas.

O último cadro 'macro' recollía unha previsión dunha caída do PIB de 9,2% este ano de 6,8% en 2021, aínda que fontes gobernamentais confirmaron a Europa Press que previsibelmente se revisará o descenso do crecemento até unha franxa de entre 10% e 11%, en liña coas estimacións de distintos organismos como o Banco de España ou a Comisión Europea.

En canto ao desemprego, as últimas previsións do Executivo apuntaban un incremento da taxa de paro até 19% este ano e a súa moderación a 17,2% en 2021.

Xunto co novo cadro macro e o teito de gasto, o Executivo convocará nos próximos días as comunidades autónomas para unha nova reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), en que se abordarán as entregas a conta do sistema de financiamento das comunidades e informarase sobre o 'teito de gasto' e as cuestións que incumben para ter unha base sobre a que construír os orzamentos autonómicos, xunto ao cálculo sobre os fondos europeos.

Así, o Executivo prevé presentar e aprobar a nova senda de estabilidade orzamentaria cos novos obxectivos de déficit e débeda pública na primeira semana de outubro, á vez que informará do límite de gasto non financeiro, coñecido como 'teito de gasto', e actualizará o cadro macroeconómico, en función do cal o Executivo deberá amoldar o seu proxecto de orzamentos, e que terá que contar co visto e prace de Bruxelas.

Con estes pasos necesarios para as contas públicas, o Goberno presentará ao longo do mes de outubro o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2021 co obxectivo de que estea aprobado "a finais de decembro ou principios de xaneiro", segundo o calendario detallado pola ministra de Facenda, María Jesús Montero.

Déficit

A última "senda de estabilidade orzamentaria" do Goberno proxectaba un déficit público de 10,34% do PIB este ano, até os 115.671 millóns de euros, o maior déficit desde 2012, cunha caída dos ingresos de 5,3%, con 25.711 millóns respecto ao ano pasado, até 461.043 millóns (41,2% do PIB) e un aumento do gasto público de 10,5%, con 57.765 millóns de euros máis, até 576.714 millóns (51,5% de PIB).

Entón, Montero cifrou o impacto das medidas para paliar a crise da Covid-19 en 138.923 millóns de euros. O programa orzamentario prevía un incremento da ratio de débeda pública desde 95,5% do PIB rexistrado en 2019 até o 115,5% de PIB este ano.

Previsibelmente o Goberno tamén terá que revisar á alza as cifras de déficit e débeda pública como consecuencia da crise.

Unha vez se dean os pasos da senda de déficit, o cadro 'macro' e o 'teito de gasto', o Goberno iniciará os contactos cos grupos para solicitar apoios aos orzamentos.

As opcións, en prinicipio, son dúas: sacar adiante as contas con Ciudadanos ou cos grupos que apoiaron a investidura, entre os que figuran o BNG, ERC ou EH Bildu.

Comentarios