O Goberno español di que asasinar unha prostituta non é violencia machista

Así o sinala nun escrito remitido a dúas deputadas do PSOE que preguntaron por que o asasinato dunha muller a mans dun militar español en outubro de 2013 non foi considerado un caso de violencia de xénero.

violencia machista
photo_camera CC SA-BY Rede Feminista Galega

O Goberno español entende que o asasinato dunha prostituta a mans dun militar non é violencia machista porque non existía unha relación afectiva entre o agresor e a agredida. Así llo fai saber o executivo que preside Mariano Rajoy nunha resposta remitida a dúas deputadas do PSOE que preguntaron por que este asasinato non foi considerado coma máis un asasinato machista. 

No escrito, remitido á voceira de Igualdade do PSOE, Maribel Flores, e á deputada Susana Ros, o Goberno español subliña que "independentemente da súa cualificación xurídica ou policial lamenta todos os actos de violencia que se exercen contra as mulleres así como a perda de calquera vida humana", mais remite ao artigo 1 da Lei orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para explicar que o asasinato dunha prostituta non entra dentro desta norma malia que si existe "unha manifestación da discriminación, dunha situación de desigualdade e das relacións de poder dos homes sobre as mulleres", tal e como sinala a letra da lei. 

"Covardía institucional"

Os feitos producíronse o 27 de outubro de 2013, cando Zineb Manae, de 24 anos de idade, foi asasinada a golpes por un militar español de 31 anos que foi detido despois de meter o corpo da muller nun saco e guindala debaixo dunhas árbores, á beira da estrada.

Un mes despois do asasinato, a organización Intercultura promoveu un acto no lugar onde o militar lle quitara a vida á moza e deu leitura a un manifesto en que reclamaban que o caso fose enxuizado coma "máis unha morte por violencia machista" e que non se lle outorgase credibilidade ao asasino confeso, pois foi el quen declarou que Manae exercía a prostitución e argumentou o asasinato en "discrepancias no pagamento". A asociación Interculturas negou esta información e considerou que "ampararse en defectos técnicos da lei é dunha covardía institucional que non se pode aceptar". 

Comentarios