O Goberno español destinará 18.225 millóns ante a crise sanitaria da COVID-19

O Estado transferirá 2.800 millóns ás comunidades autónomas
Pedro Sánchez anunciou onte un paquete de medidas económicas e adianto de transferencias ás comunidades.
photo_camera Pedro Sánchez anunciou onte un paquete de medidas económicas e adianto de transferencias ás comunidades (Imaxe: Europa Press)

O Consello Ministerial, reunido no día de onte con carácter extraordinario por mor da crise sanitaria do coronavirus, aprobou cun real decreto-lei un paquete de medidas que mobilizarán 18.225 millóns de euros co obxectivo de reducir a incidencia económica que a pandemia está a provocar no Estado español. 

2.800 millóns transferiranse ás Administracións autonómicas para combater a enfermidade, como adianto dos anticipos a conta previstos no sistema de financiamento autonómico.

O paquete de choque tamén mobilizará ao redor de 1.000 millóns de euros do Fondo de Continxencia dos Orzamentos Xerais do Estado destinados a intervencións sanitarias prioritarias.

Ademais, o decreto habilita o Goberno español para regular os prezos de produtos que se consideren necesarios para a protección da saúde das persoas e, en caso de que se dea unha situación de carácter excepcional, a Comisión  Interministerial de Prezos poderá fixar o importe máximo de venda ao público de determinados medicamentos e produtos. 

Medidas para pemes e autónomas

Entre as medidas do decreto, figura tamén o aprazamento e o fraccionamento de débedas tributarias por un prazo de seis meses sen intereses, cunha inxección de 14 mil millóns de euros en liquidez a pequenas e medianas empresas e a profesionais por conta propia. Tamén se contempla unha liña de creto de 400 millóns para o sector turístico. En concreto, pemes e autónomos poderán aprazar até  30.000 euros no pago de impostos durante seis meses.

O decreto contempla que as persoas empregadas pola Administración Xeral do Estado que se atopen en illamento continúen a cobrar o seu salario íntegro. Permitiranse ademais nese sector modelos de traballo a distancia e adaptar a xornada para nais e pais pola suspensión das aulas. 

Estas medidas foron todas anunciadas polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, nunha conferencia telemática desde a Moncloa ao rematar o Consello Ministerial.

Con este paquete búscase, dixo,  protexer a actividade médica e hospitalaria garantindo o 
subministro de material sanitario, así como a atención social directa ás familias, para axudalas ante o feche de colexios, protexer o emprego en pemes e autónomos para que os efectos sexan "transitorios", xunto a medidas de apoio a sectores produtivos, especialmente turismo e transportes.

"Hai que superar a tormenta cos menores estragos", afirmou Sánchez, ao tempo que lamentou que "moitas empresas e autónomas” se estean a ver afectadas coa cancelación de pedidos e a suspensión de eventos. 

Comedores

En canto ás bolsas de comedores escolares procurarase, segundo avanzou Sánchez, que aquelas familias que xa as tivesen concedidas poidan facelas efectivas aínda que os centros de ensino estean fechados. 
Esta medida diríxese de maneira especial a familias en situación de vulnerabilidade xa que o xantar na escola é, en moitos casos, a única inxesta equilibrada do día.

Comentarios