O Goberno español descoñecía as manobras militares dos EUA

O Goberno español traslada aos EUA o seu malestar por non ter coñecemento dos exercicios militares conxuntos con Marrocos que se desenvolveron no limiar da zona aérea do Estado. Segundo o control aéreo de Canarias, ficaron en risco avións comerciais, un dos cales tivo que activar o sistema especial para evitar colisións.
 

Buques dos Exércitos dos EUA e Marrocos desde o portavións que encabezou as manobras. (Foto: Pinske / US Navy)
photo_camera Buques dos Exércitos dos EUA e Marrocos desde o portavións que encabezou as manobras. (Foto: Pinske / US Navy)

O 3, 4 e 5 de marzo unha forza combinada dos Exércitos dos Estados Unidos de América (EUA) e Marrocos desenvolveu uns exercicios militares ao norte das Illas Canarias, chegando ao limiar da zona aérea do Estado sen que o Goberno español tivera coñecemento, como recoñeceu a unha pregunta feita polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

Nestas manobras, denominadas Lightning Handshake 2021, participaron 23 buques con 5.000 mariñeiros, entre eles un portaavións, e 10 escuadróns aéreos (helicópteros e cazas) do Exército dos EUA; aos que se sumou unha fragata, un helicóptero e dous avións de combate de Marrocos.

Como reportaron desde o control aéreo de Gando, na illa de Gran Canaria, o exercicio militar incluíu “operacións de voo sen chamadas previas nin aviso aos centros de control aéreo canarios, representando eventualmente un risco para a seguranza aérea e interferindo no tráfico aéreo civil. Mesmo un avión comercial reportou aviso no Sistema de Alerta de Tráfico e Evasión de Colisión, a moi pouca distancia”, salienta a cuestión parlamentaria presentada por iniciativa do BNG en apoio a Ahora Canarias.

Aínda que o Estado defende na súa resposta que “non constan incidencias no ámbito do control de tránsito aéreo das rutas comerciais na zona”, confesa que o Ministerio de Defensa só soubo da presenza das forzas militares estadounidenses e alauitas na zona económica exclusiva do Estado por medio das “operacións permanentes de vixilancia dos espazos marítimos e aéreos de responsabilidade e interese”.

Malestar cos EUA

Despois do acontecido, o Goberno do Estado trasladou ao Encargado de Negocios da Embaixada dos EUA o malestar polo “sobrevoo de aeronaves militares estadounidenses na Terminal de Control Aéreo de Canarias”, matizando que, aínda que polos acordos non “existise obrigación de facelo, sempre é desexábel asegurar a comunicación e coordinación para evitar este tipo de situacións”.

'Tiña que haber unha resposta máis contundente', defende Rego

Estas manobras militares encabezadas pola VI Flota da Armada dos EUA, con sede en Nápoles, e nas que participou a súa base en Rota (Cádiz), chegan catro meses despois do recoñecemento por parte dos EUA da soberanía marroquí nos territorios ocupados da República Árabe Saharauí Democrática e mentres se manteñen as hostilidades co alto o fogo suspendido.

Para Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, é sorprendente que o Estado non tivera coñecemento deste exercicio, e criticou que non “houbese unha resposta máis contundente fronte a unha actuación unilateral destes dous Estados”, o que significa continuar cunha “actitude de submisión aos Estados Unidos e aos intereses de Marrocos, especialmente en relación coa descolonización aínda pendente do Sáhara Occidental”.

Comentarios