O Goberno español decreta o estado de alarma en Madrid

O Consello de Ministros e Ministras aprobou no mediodía da sexta feira a declaración do estado de alarma para fechar perimetralmente Madrid.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, esta mañá nunha visita a Barcelona (Imaxe: Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, esta mañá nunha visita a Barcelona (Imaxe: Europa Press).

Luz verde ao estado de alarma para fechar Madrid. Aprobouno no mediodía da sexta feira o Consello de Ministras e Ministros, tal e como avanzara na noite da quinta feira o presidente español, Pedro Sánchez.

Foi esta a fórmula elixida polo Goberno estatal despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid tombase o fechamento imposto polo Ministerio de Sanidade como medida principal para conter a escalada de coronavirus na capital de España.

Sánchez comunicoullo a Isabel Díaz Ayuso, a súa homóloga rexional, nunha chamada telefónica que se produciu cando expiraba o prazo que lle deu esta noite para chegar a un acordo que pasaba por tres opcións: que o Goberno rexional ditase unha nova orde, que se decretase a alarma conxuntamente ou que o fixese directamente o Goberno.

O decreto do estado de alarma ten unha vixencia de quince días e é efectivo desde hoxe mesmo, de maneira que están prohibidos os desprazamentos durante esta ponte do 12 de outubro.

Reaccións

A presidenta da Comunidad de Madrid rexeitou o fechamento perimetral das dez cidades e apostou por volver ao confinamento por zonas básicas de saúde, unha medida que, a ollos do Goberno estatal, é “insuficiente”.

O alcalde de Madrid, José Luis Martínez Almeida, puxo de manifesto que coa declaración do estado de alarma, “triunfa a imposición” e acusou a Moncloa de pór en marcha “un 155 sanitario”.

O fechamento de Madrid desembocou nun caos institucional e nunha picaresca batalla xudicial entre o Executivo estatal e o rexional. Finalmente, o TSXM decidiu que as medidas decretadas polo ministro Salvador Illa eran incongruentes coa lexislación vixente e que significaban o recorte dos dereitos e liberdades dos madrileños. A diferenza do fechamento anterior, o Goberno madrileño non ten a opción de presentar recurso ningún diante dos tribunais.

O decreto do estado de alarma contén as mesmas restricións que entraron en vigor a semana pasada. O Goberno español ten a potestade de recorrer a esa ferramenta excepcional en virtude do artigo 116 da Constitución en todo o territorio estatal ou unha parte do mesmo por un período máximo de quince días.

O Executivo terá que dar conta no Congreso desa medida adoptada, aínda que non é necesario o seu aval para esta primeira quincena. No caso de que o Goberno pretendese prolongalo, si necesitaría a autorización do Congreso.

As cifras

A provincia de Madrid ten unha incidencia acumulada de 563,86 casos de Covid-19 por cada 100.000 habitantes nos últimos catorce días segundo os últimos datos, aínda que chega aos 882 no caso de Parla ou a 611 no da capital.

O criterio do Goberno estatal é que incidencias por riba dos 500 casos en cidades de máis de 100.000 habitantes deben atallarse cun fechamento perimetral completo que impida entrar e saír salvo unha serie de excepcións xustificadas. A este criterio debe unirse unha taxa de positividade das PCR superior ao 10% (no municipio) e ocupación de UCI por encima do 35% (na comunidade). A rexión de Madrid estaba esta quinta feira no 39,81% neste último indicador.

 

Comentarios