A UE condiciona os fondos europeos a manter a reforma laboral e retallar as pensións

O Goberno español asume un rescate duro

O Estado español deberá acometer duras reformas para acceder ás liñas de axuda europea. Así, desde a Unión Europea esixen ao Goberno estatal manter a reforma laboral do PP, modificar o réxime de pensións aumentando a idade da xubilación e centralizar as decisións en materia económica. O Executivo de Sánchez está en aceptalas. 
Pedro Sánchez, con outros mandatarios europeos, no Consello Europeo de xullo. (Foto: Goberno de España)
photo_camera Pedro Sánchez, con outros mandatarios europeos, no Consello Europeo de xullo. (Foto: Goberno de España)

O Goberno español, encabezado pola ministra de Economía, Nadia Calviño ten comezado as negociacións sobre o programa de axuda comunitario cunha delegación da Comisión Europea, formada polo seu vicepresidente, Valdis Dombrovskis e o comisario, Paolo Gentiloni. As primeiras conversacións serviron para deixar claro ao Executivo de Sánchez que a dispoñibilidade dos fondos non vai ser posíbel, no mellor dos casos, até outono de 2021 e que a súa entrega vai estar sometido a duras condicións e retallos, a aprobar con anterioridade ao mes de abril, data no que a Comisión ten previsto darlle luz verde á proposta de rescate para o Estado.

O retraso na transferencia dos fondos preocupa moito no Executivo español e é un dos aspectos que leva a unha boa parte dos expertos a criticar a estrutura dos orzamentos. A este respecto, mesmo aqueles economistas que apoian a proposta de contas públicas do Goberno para 2021 critican un cadro macroecnómico pouco realista e unha previsión de investimentos excesivamente dependente das liñas de axuda europea. Neste sentido, denuncian o optimismo gobernamental, que prevé na proposta de presupostos a chegada das primeiras transferencias europeas para o primeiro semestre de 2021, algo desmentido polos responsábeis comunitarios. Porén, outros especialistas consideran que os problemas da liña de axuda europea son de carácter estrutural.

O cumio europeo de xullo vai representar unha derrota en toda regra para os Estados da periferia europea. Por unha banda, a proposta aprobada fica moi lonxe das súas demandas iniciais, ao reducirse substancialmente a contía do orzamento comunitario para o período entre 2021 e 2027 en relación coa cantidade defendida polo Parlamento Europeo ou polos Gobernos español e italiano. Por outro lado, un parte moi importante dos denominados “fondos de reconstrución” pasan a ser financiados con diñeiro procedente doutros programas, con especiais rebaixas nas contías da Política Agraria Común (PAC), dos fondos de cohesión e dos incentivos ao investimento privado promovidos polo Banco Europeo de Inversións (BEI).

O avance nas negociacións entre o Goberno estatal e os responsábeis comunitarios está evidenciando novas dificultades e poñendo enriba da mesma o alcance das condicións impostas pola Unión Europea. Así, entre estas establécese unha modificación da Lei de unidade de mercado, aprobada polo Partido Popular, co obxectivo  de unificar as diversas normativas en materia económica. A este respecto, desde o Executivo xa se traballa na elaboración da nova lexislación coa intención de levala ao Congreso para o mes de xaneiro, tendo abertas negociacións sobre a mesma cos populares, dado que resulta complicado o seu apoio por parte das forzas nacionalistas.

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escriva ten lista a reforma das pensións en base ao ditame do Pacto de Toledo, porén o aumento da idade da xubilación proposto polo Estado español parécelle insuficiente á Comisión Europea. Neste liña, as autoridades comunitarias advirten que as medidas aprobadas en abril pola UE non van ser recomendacións como as recollidas anteriormente no coñecido como “semestre europeo” senón disposicións de obrigado cumprimento. Así as cousas, algúns membros do Executivo amósanse partidarios  de non someter a debate do Congreso dos Deputados a nova norma até coñecer con exactitude o punto de acordo con Bruxelas.

A modificación da lexislación en materia laboral é un dos puntos de fricción do Executivo estatal con Europa. Malia ser un compromiso programático do Goberno de coalición, a Comisión rexeita a derrogación total ou parcial da reforma laboral do PP e aposta por avanzar na liña adiantada pola mesma. “Será importante que calquera nova medida só se adopte tras unha detida avaliación dos seus efectos potenciais e que se preserven os logros das reformas anteriores”, teñen sinalado recentemente as autoridades comunitarias en relación coas propostas de modificación da lexislación laboral suxeridas por algúns membros do Gabinete de Sánchez.

As diverxencias arredor da derrogación dos aspectos máis lesivos da reforma laboral están presentes dentro do propio Goberno. Mentres os ministros ligados a Unidos Podemos e unha parte dos socialistas apostan por abolir a ultraactividade e primar os convenios sectoriais, Calviño, na liña do apuntado por Bruxelas defende non tocar ese aspecto. A esta altura, o propio Pedro Sánchez dá por asumido que non vai haber cambio algún na lexislación en materia de emprego herdada por Raxoi.

Comentarios