O Goberno español anuncia un ano de reformas con 92 proxectos de lei

O Executivo español dotouse dun calendario de reformas lexislativas para 2020 onde se contemplan até 97 proxectos de lei, segundo trasladou onte, terza feira 25 de febreiro, a vicepresidenta Carmen Calvo após a reunión do Consello de Ministras e Ministros, que aprobou a senda de reformas.  Calvo quixo tamén situar o diálogo como peza fulcral ante o inicio da primeira reunión da mesa de diálogo España-Catalunya para a resolución do conflito político e que inicia na tarde de hoxe na Moncloa.  
 
A ministra María Jesús Montero, a vicepresidenta Carmen Calvo e o ministro de Agricultura, Luis Planas, onte na Moncloa (Imaxe Marta Fernández Europa Press)
photo_camera A ministra María Jesús Montero, a vicepresidenta Carmen Calvo e o ministro de Agricultura, Luis Planas, onte na Moncloa (Imaxe: Marta Fernández / Europa Press)

A reunión semanal do Consello Ministerial do Goberno español analizou onte, terza feira 25 de febreiro, o calendario lexislativo do Executivo, dentro do que se prevé que ao longo de 2020 se envíen ás Cortes Xerais un total de 92 proxectos de lei, incluído o que afectará no Código Penal ao delito de sedición. Así o anunciou no día de onte a vicepresidenta Carmen Calvo, após rematar a xuntanza semanal das ministras e ministros do Executivo. 

Dentro do paquete de reformas lexislativas do Goberno, formulará unha mudanza no artigo 49 da Constitución Española. A viceministra cualificou de "inaceptábel" manter a terminoloxía empregada nese apartado da Carta Magna, onde se refire a persoas con diversidade funcional como "diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos". 

O Executivo negocia para sacar adiante a súa nova lei sobre teito de gasto

O almanaque estudado onte no Consello prevé que a reforma do Código Penal se envíe ao Congreso dos Deputados e ao Senado antes de finalizar o presente ano, mais Calvo non quixo adiantar datas concretas. Si desvelou que a nova lei de Educación que está a preparar no Executivo de coalición PSOE-Unidas Podemos será un dos primeiros proxectos que se presentarán nas Cortes Xerais, ao igual que tamén serán das primeiras as normativas para combater o cambio climático e a fraude fiscal.  

Delgado é, desde hoxe, fiscala xeral do Estado

O Consello Ministerial tamén nomeou formalmente onte a ex ministra de Xustiza Dolores Delgado como fiscala xeral do Estado. Hoxe promete o cargo ante o rei Filipe VI no Palacio da Zarzuela para despois tomar posesión no Tribunal Supremo. 

A semana pasada a ex ministra completou os requirimentos exixidos na Constitución e no Estatuto Fiscal para acceder ao cargo.

O último foi comparecer na Comisión de Xustiza do Congreso, onde representantes do PP, Ciudadanos e Vox cargaron contra ela por non considerala idónea para o cargo pola súa vinculación ao Partido Socialista.

Precisamente, a propia Delgado afirmou na Comisión de Xustiza que o seu paso polo anterior Executivo "non é unha debilidade senón unha fortaleza" para o exercicio das súas futuras responsabilidades. Tamén insistiu en que o actual sistema "preserva a autonomía e a imparcialidade" do Ministerio Fiscal.

Pola súa banda, a portavoz do PP no Congreso, Cayetana Álvarez de Toledo, anunciou onte que a súa formación recorrerá ante o Tribunal Supremo o nomeamento da ex ministra Dolores Delgado como fiscala alegando que o "odio" e a "animadversión" que ten cara ao PP a inhabilitan para ocupar un cargo para o que se exixe "neutralidade".

Calvo rebaixa o ton ante a reunión con Catalunya

A vicepresidenta Carmen Calvo afirmou no día de onte que "sentar ao redo dunha mesma mesa" é o máis importante, en referencia á primeira reunión da mesa de diálogo bilateral entre o Executivo español e o Govern da Generalitat que arranca hoxe ás 16.30 horas na sede da Moncloa.

Sentar e dialogar é un paso adiante, sinalou Calvo sobre a reunión de hoxe co Govern 

Para a vicepresidenta é un bo punto de partida para a mesa de diálogo o documento de 44 artigos que o presidente español Pedro Sánchez presentou ao catalán Quim Torra na reunión que mantiveron ambos os dous en Barcelona o pasado 6 de febreiro. Porén, ese documento xa foi criticado por Torra, quen afirmou que as cuestións que nel se formulan son de carácter competencial e de transferencias e que, por tanto, non están dirixidas a abordar o conflito político existente en Catalunya nin para dar solución á maioría social que demanda a posibilidade de exercer o dereito de autodeterminación.  

A vicepresidenta non quixo na véspera da reunión tensar o ambiente, e optou por restar importancia ao feito de que a delegación do Govern catalán na mesa de diálogo non estea formada en exclusiva por membros do Executivo catalán.

De feito, por Catalunya acudirán deputadas e deputados de ERC e de Junts no Parlament, así como asesoras e asesores de ambas as formacións. Este feito non se axusta á literalidade do acordo para a creación desta mesa e que xurdiu do pacto de investidura de Pedro Sánchez asinado entre ERC e PSOE. O documento limitaba a composición das delegacións a ambos os Gobernos. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios