O Goberno español acusa o PP de "apostar pola confrontación"

A sesión de control ao Goberno estatal no Congreso, na que non estivo Pedro Sánchez, que se atopa en Nova York para asistir á reunión da Organización das Nacións Unidas, xirou principalmente arredor do conflito con Catalunya. Aliás, a renovación do Poder Xudicial enfrontou de novo o Executivo co Partido Popular.
Pilar Alegría (Educación), Reyes Maroto (Industria) e Félix Bolaños (Presidencia), onte no Congreso. (Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pilar Alegría (Educación), Reyes Maroto (Industria) e Félix Bolaños (Presidencia), na cuarta feira no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A reactivación da mesa de diálogo bilateral entre Catalunya e Estado a pasada semana centrou a sesión de control no Congreso que decorreu esta cuarta feira sen a presenza de Pedro Sánchez, presidente do Estado, e de Pablo Casado, presidente do Partido Popular (PP), que se encontran nos Estados Unidos e na illa da Palma respectivamente.

Tras a intervención de Edurne Uriarte, deputada do PP, sostendo que o Executivo estatal avala que a comisión de delitos como o de sedición é un “método lexítimo para sentar o Goberno nunha mesa de negociación”, o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, acusounos de “converter en crónica a fractura en Catalunya”.

"É evidente que non apostan polo diálogo e o acordo. Apostan pola confrontación e polo enfrontamento", afirmou o ministro, que sentenciou que desde o gabinete non se avalan “nin os [delitos] que cometeron os membros do Govern en 2017 nin os que cometeron os dirixentes do PP durante anos”.

Asemade, reiterou que a forza liderada por Casado ten bloqueada a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial incumprindo a “lei, como método de presión para modificar unha norma conforme a súa vontade”.

Isto despois de que o Congreso rexeitara a terza feira o intento do PP de cambiar o método de elección dun órgano que leva case tres anos en funcións, o que aproveitou Teodoro García Egea, secretario xeral do PP, para indicar que, ou aceptan ou será “imposíbel desbloquear” a renovación.

Feche de Vestas

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no hemiciclo, Néstor Rego, adiantou unha batería de iniciativas para forzar o Executivo español a actuar para evitar o feche de Vestas en Viveiro.

Rego incidiu en que se a reforma laboral do PP xa estivera derrogada, “evitaría que a empresa puidera tomar a decisión de cesar a actividade sen control previo da autoridade laboral”, criticando o feche malia as subvencións que recibiu da Xunta da Galiza.

Comentarios