mércores 22.01.2020

O goberno de Escocia investiga Alex Salmond por dúas denuncias de acoso sexual

O ex primeiro ministro escocés demanda a secretaria permanente escocesa, Leslie Evans, polo que considera un trato “groseiramente inxusto”

Alex Salmond
Alex Salmond

O que fora primeiro ministro de Escocia durante o referéndum da independencia, Alex Salmond, levará aos tribunais a secretaria permanente do goberno de Escocia, Leslie Evans. Esta demanda, apresentada na quinta feira, ten lugar após Evans iniciar unha investigación arredor das denuncias de dúas mulleres do persoal do goberno escocés contra Salmond por acoso sexual. Quer Alex Salmond quer o goberno escocés partillan formación, o nacionalista SNP. 

Os feitos denunciados terían acontecido mentres el ostentaba o título de primeiro ministro. Un dos casos –datado en decembro de 2013– involucraría unha das empregadas na residencia oficial do mandatario, a Bute House. En ambos casos, o político escocés negou rotundamente devanditas alegacións e publicou un comunicado no que defende a súa inocencia.

“Trateino todo, mesmo ofertas de conciliación, mediación e arbitraxe legal para resolver estes asuntos ambos de xeito apropiado e amigábel”, declara. Salmond crítica a xestión do caso por parte de Evans, que considera “groseiramente inxusta”. Segundo el, a servidora pública teríalle negado “contacto con calquera funcionario público actual, moitos dos cales querían apresentar evidencias ao meu favor”, ben como o acceso “á documentación que me permitiría impugnar debidamente as queixas, as cales refuto”, sinala.

Pola súa banda, o goberno escocés confirmou o inicio dos procedementos xudiciais por parte de Salmond nos tribunais civís do país. Asemade, o executivo aclarou nun comunicado que “como unha cuestión de principios e integridade, é vital que calquera alegación de acoso sexa tratada seriamente e investigada a fondo, independentemente da identidade da persoa involucrada”.

Consecuencias

O conflito entre Salmond e o goberno escocés toca de cheo o Scottish National Party. O ex primeiro ministro liderara o partido dúas veces –entre 1990 e 2000, e desde 2004 até 2014–, e ocupou escano pola formación quer en Westminster quer en Holyrood. A súa influencia sobre o SNP foi perdendo forza após a derrota do referéndum en 2014, que motivou a súa saída do cargo. A relación coa súa sucesora e actual primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon, é tamén fonte de tensión política. “Se o tribunal falla no meu favor, entón a Administración do goberno escocés terá serias preguntas que responder”, advertiu Salmond.

comentarios