O Goberno do Estado español muda de estratexia na xestión da pandemia

A decisión do Executivo de Pedro Sánchez de delegar nos Gobernos autonómicos a iniciativa sobre os confinamentos segue a centrar o debate político no Estado español.
Xuntanza do Consello de Ministros (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Xuntanza do Consello de Ministros (Imaxe: Europa Press).

A polémica arredor desta proposta derívase da mudanza que representa na xestión da pandemia en relación ao período anterior e tamén das súas repercusións tácticas no xogo político. As críticas máis duras proceden neste momento do ámbito da dereita, mais tamén se teñen sumado ás mesmas sectores do propio Executivo, que entenden a proposta como unha renuncia do Goberno a liderar a resposta á emerxencia sanitaria no conxunto estatal.

A proposta da equipa de Sánchez significa unha emenda á totalidade á alternativa defendida durante a primeira vaga da pandemia. A este respecto, o discurso oficial do Executivo vén definido porque “o virus non coñece de territorios” e pola necesidade dunha “resposta sanitaria única” para o Estado. Porén, na súa comparecencia desta semana, o mandatario español afirmou que “a situación non é homoxénea territorialmente. Non o foi inicialmente, nin sequera durante o estado de alarma, e non é despois do estado de alarma. Hai territorios que traballaron con máis eficiencia e polo tanto teñen unha situación máis tranquila, outros loitan con máis dificultades”.

As explicacións respecto deste cambio nas políticas gobernamentais son diversas. Así, desde o Executivo apuntan a que a xestión pandemia ten demostrado que a centralización de determinados servizos non é eficaz na loita contra o virus, até o punto de que a centralización da compra e da distribución dos equipos de protección básico do persoal sanitario ten contribuído a agudizar os problemas de abastecemento deste material nos comezos da pandemia. Na mesma liña, defenden que ao estaren transferidas ás autonomías as competencias en materia sanitaria semella máis axeitado que as propostas sobre os confinamentos procedan daquelas administracións que posúen os datos sobre o desenvolvemento da doenza.

A oposición de dereita cuestiona os argumentos do Executivo e considera que o Goberno se move polo cálculo electoral. “Non queren asumir os custos políticos desta segunda vaga da pandemia e pretenden responsabilizar os Gobernos autonómicos do problema sanitario que imos sufrir nos próximos meses”, sinalan a Nós Diario fontes do PP, moi críticas “coa negativa de Sánchez a liderar unha resposta de país diante da pandemia”.

Comentarios