O Goberno do Estado cifra en 27.359 as mortes en residencias malia as deficiencias nos datos

O Resumo Nacional de Residencias, con datos até o 20 de xuño, hai pouca precisión nas causas de falecemento dos residentes, ausencia de depuración dos datos polo sistema, datas incoherentes ou informes de centros intervidos que non especifican as causas desta  intervención.
La UME realiza labores de desinfección en la residencia Santa Teresa Jornet de Almería

La UME realiza labores de desinfección en la residencia Santa Teresa Jornet de Almería

  (Foto de ARCHIVO)

21/4/2020
photo_camera Efectivos da UME realizan labores de desinfección nunha residencia na localidade andaluza de Almería (UME / Europa Press)

O Ministerio de Sanidade recoñece que a escasa calidade dos datos de mortes en residencias trasladados polas comunidades autónomas durante a pandemia dificultou a súa difusión ─mesmo unha delas non os enviou─, polo que a cifra total oscila entre 27.359 e 32.843 falecidos, segundo as fontes.

O Resumo Nacional de Residencias, con datos até o 20 de xuño, que o ministerio mostrou aos responsábeis autonómicos, rexistra 27.359 falecementos en residencias: 9.003 casos (32,9% das mortes) por Covid-19; en 9.830 detectouse sintomatoloxía da Covid, mais non se chegou a confirmar (35,9%); e o resto (31,2%) atribúense a outras causas.

O documento recolle os datos enviados polas comunidades entre o 6 de abril e o 20 de xuño e admite as dificultades da plataforma do Sistema de Información "pouco amigábel" para o rexistro deses datos, así como erros na suma de residentes en centros intervidos e nos propios datos de falecementos totais comparados con outras fontes.

Mesmo sinala que unha as comunidades autónomas non enviou os datos nin unha soa vez a este rexistro e algunhas non o fixeron coa periodicidade exixida ou fixérono fóra de prazo: dúas só notificaron datos unha vez no sistema de información, malia o marcar como obrigatorio a Orde gobernamental de 23 de marzo.

Mortes pouco claras

O documento engade que hai pouca precisión nas causas de falecemento dos residentes, ausencia de depuración dos datos polo sistema, datas incoherentes ou informes de centros intervidos que non especifican as causas desta  intervención.

Neste documento, especifícase que o número total destes centros intervidos foi de 391 (5% do total) que acollían, nese momento, 31.406 residentes, e contabiliza 7.756 centros onde residen un total de 340.571 maiores.

"Abandono"

A tenor deste informe, a Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais estima que os centros "non só sufriron o abandono do sistema sanitario público, senón ademais o do propio Ministerio de Sanidade".

Cren incomprensíbel, ademais, que a estas alturas aínda non se iniciara unha "avaliación con recollida de datos directos de maneira unificada que permita a realización de estudos dos centros para poder pór en pé un relato obxectivo e certeiro do que pasou".

Para iso ve "urxente e imprescindíbel" tomar medidas con carácter inmediato e "unificado para todo o Estado" para prepararse para un rebrote. "É posíbel que se estean a filtrar os datos, incluso manipulando, polos Gobernos autonómicos, polas empresas ou entidades xestoras e mesmo polas direccións dos centros".

Comentarios