Internacional

O Goberno avisa dunha maior intervención na economía pola crise do coronavirus

O ministro José Luis Ábalos asegura que esta apreciación "é un diagnóstico estendido mesmo desde as tribunas ideolóxicas do liberalismo".
Reunión do Goberno (Borja Puig/Moncloa).
photo_camera Reunión do Goberno (Borja Puig/Moncloa).

O Goberno considera que terá que realizar unha maior intervención na economía como consecuencia do impacto causado pola crise sanitaria do coronavirus e a paralización de actividades, segundo afirmou o ministro de Transportes, José Luis Ábalos.

"Non hai lugar para as ortodoxias ideolóxicas, esta crise precisará que os Gobernos asuman un papel máis activo na economía", indicou Ábalos nunha comparecencia cos outros tres ministros que teñen competencias delegadas durante o estado de alarma.

"E isto non é só unha apreciación persoal ou do Goberno, é un diagnóstico estendido mesmo desde as tribunas ideolóxicas do liberalismo", engadiu o ministro, que asegurou que as decisións que está a tomar o Executivo non son "caprichosas ou arbitrarias".

"Parar a economía"

No ámbito da economía, indicou que o Goberno "tivo que practicamente parar a economía para protexer a saúde". "Practicamos unha operación cirúrxica á economía mediante a  hibernación das actividades non esenciais para manter os traballos imprescindíbeis, para manter as constantes vitais", exemplificou.

Ábalos recoñeceu como "evidente" que esta crise terá "custos", aínda que asegurou que "o traballo do Goberno" será "minimizar eses custos e facer unha repartición xusto deles entre actividades, sectores económicos, sectores sociais e xeracións".

Neste punto, o ministro lembrou a conxuntura de "excepcionalidade" actual, "o momento máis grave da nosa historia recente", na que se "necesita parar para coidarnos e coidar aos demais, sobre todo os máis vulnerábeis, e para garantir a eficacia do sistema sanitario".

"Debemos ser conscientes da realidade que afrontamos", solicitou, para despois considerar que diante dela, "todos estamos obrigados a estar á altura".

"As críticas construtivas nunca sobran, salvo que socaven a unidade de acción perante a pandemia", remarcou en referencia ás críticas dos distintos partidos da oposición.

Pactos da Moncloa

Neste punto de chamamento á unidade, Ábalos referiuse aos Pactos da Moncloa para lembrar o compoñente que incluíron de salvagardar a democracia pola vía da bonanza económica; "tratábase de evitar que a situación económica afectase o desenvolvemento da democracia".

Así, diante das actuais apelacións a reeditar estes pactos para relanzar a economía tras a crise, o ministro pediu "non descoidar o elemento democrático que tiveron", en resposta aos rexeitamentos do líder de Vox, Santiago Abascal, a atender as chamadas do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

"Os Pactos da Moncloa buscaban dar paso á democracia e os dereitos civís e ademais á bonanza económica", lembrou Ábalos. "Entón, como agora, tamén necesitamos concertación para relanzar a economía e á marxe daqueles que non queren a democracia neste país", engadiu.

Comentarios