Ghali e Puigdemont, o centro de atención na sesión de control no Congreso

O ministro de Presidencia, Félix Bolaños, sostén que o referendo en Catalunya volvería crónico o conflito, nunha sesión de control ao Goberno estatal na que o PP atacou a Pedro Sánchez pola entrada de Brahim Ghali no Estado.
Pablo Casado diríxese ao pleno do Congreso na sesión de control ao Goberno español decorrida onte. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pablo Casado diríxese ao pleno do Congreso na sesión de control ao Goberno español decorrida onte. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A entrada no Estado en abril de Brahim Ghali, presidente da República Árabe Saharauí Democrática e líder da Fronte Polisario, para recibir atención hospitalaria, focalizou boa parte da sesión de control ao Goberno español no Congreso da cuarta feira.

De estar usando “o seu cargo para eludir unha investigación xudicial comete un delito de encubrimento, e se dita unha resolución sabendo que é inxusta, comete un delito de prevaricación”, incidiu o presidente do Partido Popular (PP), Pablo Casado, que acusou o xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, de permitir a entrada de Ghali, malia que desde 2004 conta con pasaporte español, co cal non se podería ter impedido o seu acceso.

Ademais, Casado inquiriu se “ordenou falsear as contas públicas para cadrar un orzamento radical a marteladas”.

“Facemos política en beneficio da cidadanía”, respondeu Sánchez, antes de reiterar que a xente “está farta” das “pelexas, insultos e berros” que propón o PP, reivindicando “unha política útil”, en referencia ás medidas adoptadas no Consello de Ministras e Ministros da terza feira, como a suba do salario mínimo interprofesional ou as axudas á Palma (Canarias).

Asemade, volveu exixir que o PP acepte “que está en minoría, que foron derrotados nas urnas e que abandonen a insubmisión constitucional”, polo bloqueo da renovación do Poder Xudicial, que leva en funcións máis de mil días.

Detención de Puigdemont

Na súa quenda, tanto Junts como a Candidatura d’Unitat Popular (CUP) arremeteron contra o gabinete pola detención de Carles Puigdemont, ex presidente catalán. A deputada de Junts, Mariona Illamona, reclamou que deixen de equiparar o independentismo co terrorismo, como no caso dos membros dos Comitès de Defensa de la República xulgados por ter na casa “produtos de limpeza”, apuntou.

O 80% da poboación de Catalunya quere diálogo, aseverou a parlamentaria da CUP Mireia Vehí, e “o diálogo chámase referendo e amnistía”, sentenciou.

Porén, Félix Bolaños, ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, defendeu na contestación que preguntar á poboación catalá sobre o tipo de relación que quere ter co Estado “convertería en crónico o conflito”.

Comentarios