Gerry Adams presta declaración perante a policía por un atentado perpetrado en 1972

Algúns meios británicos -entre eles The Guardian- publicaron que o líder do Sinn Féin fora detido pola policía norirlandesa. O Sinn Féin, en troca, nega o arresto e afirma que Adams acudiu por propia vontade a unha comisaría de Antrim para prestar declaración.

gerry

Nun comunicado pendurado na web do Sinn Féin, Adams negou calquer relación co asasinato de Jean McConville e o posterior enterro secreto do seu corpo, accións perpetradas en 1972 e que o propio IRA, en 1999, recoñeceu ter cometido. O Exército Republicano Irlandés acreditaba que McConville era un confidente dos británicos.

Adams afirma que hai un mes a policía lle indicou que debía estar disponíbel para prestar declaración sobre o atentado contra McConville e que esta tarde acudiu voluntariamente aos cuarteis xerais da policía nor-irlandesa do condado de Antrim para submeterse a un interrogatorio.

O líder republicano aproveitou para lembrar que nunca ten negado a súa "relación" co IRA e que nunca o fará.

A acción policial contra Adams chega após se coñecer inquéritos que colocarían o Sinn Féin como a primeira forza política na República de Irlanda, un feito sen precedentes

"Eu creo que o asasinato de Jean McConville e o enterro secreto do seu corpo constituíron un erro e unha grave inxustiza para ela e a súa familia. Fixéronse públicas graves acusacións contra min. Eu rexéitoas. Aínda que nunca neguei a miña relación co IRA e nunca o farei, son inocente de calquera participación no secuestro, asasinato ou enterro da señora McConville".

As confusas noticias sobre a detención de Adams chegan dous días depois de se ter publicado enquisas que, ante as eleccións europeas do 25 de maio, colocarían o Sinn Féin como a primeira forza política no conxunto de Irlanda, un feito sen precedentes..

A presidenta do Sinn Féin, Mary Lou McDonald, atribúe a acción policial contra Adams ao intento do Estado británico de facer dano á formación nacionalista irlandesa nas vésperas dos comicios europeus.

Comentarios