Gerry Adams, após ser liberado: "A vella garda que está en contra do cambio non poderá gañar"

O líder do Sinn Féin vaise reincorporar esta semana á carreira eleitoral. Este domingo, en conferencia de imprensa (vídeo no interior), mostrou a súa convicción de que o lado escuro do unionismo non acabará co proceso de paz.

Gerry Adams
photo_camera Gerry Adams

"A vella garda -sexa no liderado da policía norirlandesa, dentro do unionismo ou de posicións pseudorepublicanas- que está en contra do cambio non poderá gañar", afirmou Adams. Cando o líder do Sinn Féin fala de "cambio" reférese ao proceso de paz no Norte de Irlanda, mas tamén á criación das condicións políticas que fagan posíbel a reunificación da Illa e o fin do dominio británico sobre os 6 condados norteños.

O presidente do Sinn Féin declarou que o trato que recebeu durante os 4 días de interrogatorio foi correcto e reiterou o seu respaldo ao corpo policial do norte de Irlanda. Esta cuestión é central. O Sinn Féin, en función dos Acordos de Belfasta (Good Friday Agreement), partilla o goberno autónomo dos 6 condados cos unionistas. Un ataque por parte de Adams á policía no seu conxunto faría insostíbel o mantimento do statu quo emanado do Good Friday Agreement. [O líder republicano criticou o momento do seu arresto, en vésperas dunha campaña, e si deslizou que hai zonas escuras na policía, contrarias ao proceso de paz]

Gerry Adams evitou un ataque frontal a policía para preservar o proceso de pacificación

A aposta de Adams e do conxunto do movimento republicano é a de preservar os tamén chamados acordos de sexta feira santa, por considerar que crían a atmosfera adecuada para o avanzo eleitoral.

A formación republicana agarda agora que o inxustificado arresto de Adams -en principio foi liberado sen cargos, aínda que a fiscalía podería formulalos após receber os informes policiais- produza un efeito boomerang que beneficie as espectativas eleitorais do Sinn Féin o 25-M.

Algunhas enquisas publicadas antes da detención de Adams colocaban o Sinn Féin como primeira forza no conxunto de Irlanda, un feito sen precedentes.

Comentarios