A Generalitat ordena fechar os prostíbulos de toda Catalunya

Catalunya ordena o fechamento de todos os prostíbulos debido á pandemia, unha medida que tamén entrará en vigor en Castela A-Mancha e que comunidades como a balear ou a valenciana xa están a estudar logo de que o Ministerio de Igualdade pedira por carta pór o cadeado aos lugares de explotación sexual. 
A consellera de Salut catalá Alba Vergés (Imaxe:  David Zorrakino / EP)
photo_camera A consellera de Salut catalá Alba Vergés (Imaxe: David Zorrakino / EP)

A Consellaría de Saúde ordenou o fechamento de todos os prostíbulos de Catalunya debido á situación epidemiolóxica. “Non tiña sentido, era unha incoherencia ter fechado o lecer nocturno e manter abertos outros locais que facían actividades deste tipo”, anunciou esta sexta feira, 21 de agosto, a consellera de Sanidade, a republicana Alba Vergés.

Para levalo á práctica, na modificación da resolución do lecer nocturno que publica o Diario Oficial da Generalitat, entre as medidas engadidas, inclúese o feche dos "estabelecementos con locais anexos", aludindo implicitamente desta maneira os prostíbulos.

O conselleiro de Sanidade do Goberno de Castela-A Mancha, Jesús Fernández Sanz, anunciou tamén as medidas do novo decreto autonómico para frear o coronavirus, que se publicará na media noite deste sábado para a súa entrada en vigor o domingo. Entre as principais novidades, destaca tamén o fechamento de prostíbulos e clubs de alterne durante as 24 horas do día, con independencia da licenza de actividade coa que operen.

Por outra banda, o president do País Valencià, Ximo Puig, quixo indicar que os prostíbulos "xa están prohibidos", mais reclamou dar un paso "máis aló". En concreto, exixiu unha reforma lexislativa para prohibir a prostitución. "O obxectivo é acabar coa prostitución polo escravismo que produce", sinalou Puig.

Outras Administracións territorias como a balear anunciaron que están a estudar a "figura legal" para fechar os locais de explotación sexual. 

A ministra de Igualdade do Goberno español, Irene Montero, remitiu unha carta ás comunidades autónomas pedíndolles que procedan a fechar os prostíbulos, en liña coas restricións estabelecidas a bares, discotecas e locais nocturnos.

Nunha entrevista radiofónica, a ministra asegurou que "os prostíbulos deben ser fechados por motivos de saúde pública e especialmente para protexer as  mulleres en situación de prostitución. Estamos a disposición das comunidades autónomas", aseverou.

Un Xuíz anula a nova lei madrileña que impedía fumar na vía pública

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Madrid rexeitou esta sexat feira, 21 de agosto, ratificar a nova orde da Consellaría de Sanidade que inclúe diversas medidas preventivas ante a Covid-19, como a prohibición de fumar cando non se poida manter distancia de seguridade, e que estabelecía tamén o fechamento dos locais de lecer nocturno e prohibía o consumo de alimentos en transporte público.

A Consellaría de Sanidade madrileña pediu ao xuíz que aclare as cuestións polas que tombou a lei, ao tempo que cargou contra o Goberno español por non actualizar a normativa sanitaria estatal. Respondeulle o líder do PSOE en Madrid, José Cepeda, reprochando ao Executivo rexional que o auto da xuíza se debe "á incompetencia" do gabinete da presidenta popular Díaz Ayuso e criticou que bote balóns fóra ao tellado da Moncloa.

Madrid pide autoconfinarse á veciñanza das zonas afectadas

A Comunidade de Madrid, que concentra un de cada tres dos novos contaxios da Covid-19 que se diagnostican no Estado español, recomenda ficar na casa ás persoas que vivan nas zonas da capital máis afectadas pola pandemia.

Os enclaves apuntados son os barrios obreiros de Carabanchel, Usera e Vallecas, que concentran a maior incidencia da Covid-19 na rexión. 

A Consellaría de Sanidade, alén de recomendar o autoconfinamento neses lugares, chama a limitar as reunións, evitar as xuntanzas "innecesarias" e non desbota que se implementen novas restricións. Con todo, o conselleiro de saúde descartou que polo de agora se vaian ditar confinamentos por zonas. 

Comentarios