A Generalitat cualifica de "montaxe" o suposto documento da CIA publicado por El Periódico

É falso. É unha montaxe. Fai parte dunha "campaña de desprestixio e de intoxicación" para escurecer o "excelente labor dos Mossos" após os atentados de Barcelona e Cambrils. O conseller de Interior, Joaquim Form, pronunciouse nestes termos após a poeira levantada por unha información publicada esta quinta feira por El Periódico de Catalunya segundo a cal os Mossos terían sido informados pola CIA, á altura do mes de maio, da intención dunha célula jihadista de atentar nas Ramblas.

CIA
photo_camera Reprodución do documento

Rápida e contundente, de acordo cos mellores manuais de comunicación política. Así foi a reacción do Govern após a exclusiva de El Periódico de Catalunya, meio que xa o propio 17 de agosto -día en que se perpetrou o atentado nas Ramblas- publicara que a intelixencia norteamericana tiña alertado a policía catalá, extremo que a Generalitat desmente sempre que pode desde aquel momento.

Apenas unhas horas demorou en comparecer de urxencia, nesta mesma quinta feira, o conseller de Interior, Joaquim Form, para cualificar a información de "montaxe" e de "irresponsábel" por trasladar un "problema inexistente". O alto cargo da Generalitat enfatiza que o Govern carece de calquera contacto coa CIA, pois as axencias internacionais se comunican só cos Estados. "As relacións a nível internacional son co Estado español", dixo.

Trapero, ao director de El Periódico: "Perguntaríalle quen lle dictou todo isto?"

Form non compareceu só, fíxoo na compaña do major [chefe] dos Mossos, Josep Lluís Trapero. "Por que teño de acreditar que [o documento] é da CIA. Onde o pon? Que asinatura ten? Que carimbo? Por que teño de acreditar", dixo o mando policial, quen se pronunciou en termos de inusitada dureza para se referir a El Periódico de Catalunya: "O que penso é que xogamos ligas diferentes. Este señor [por Enric Hernández, director do xornal], este diario e nós xogamos ligas diferentes. Os Mossos estanse a dedicar a xerir a seguranza e se preocupar pola xente, e, en concreto este diario, desde o día do atentado, e especialmente o seu director, estase a dedicar a desprestixiar os Mossos d'Esquadra".

Para Trapero, a suposta exclusiva desta quinta feira persegue só un obxectivo, o de alimentar a idea de que se os Mossos tivesen feito ben o seu traballo os atentados non se terían producido. "Perguntaríalle [ao director de El Periódico de Catalunya] quen lle dictou todo isto? El dubida de nós. E chámanos mentireiros. Pois eu tamén teño moitas dúbidas sobre el, sobre a súa información, sobre quen son os intermediarios e sobre con que vontade actúan".

Comentarios