Bloqueo de Israel

Gaza ou como vivir con seis horas de luz ao día

O asedio e bloqueo ao que Israel somete o pobo palestino empeora durante o inverno, cando as persoas que viven en Gaza dispoñen tan só de seis horas de electricidade ao día.

[Imaxe: Raquel Marti] Un neno estudando en Gaza
photo_camera [Imaxe: Raquel Marti] Un neno estudando en Gaza

A empresa subministradora de enerxía eléctrica da Franxa de Gaza, en Palestina, tan só dispón de 150 megavatios para alimentar a zona, fronte aos 600 que garantirían o servizo. Isto significa que as persoas que viven en Gaza dispoñen, tan só, de seis horas ao día de electricidade.

Segundo a Compañía Eléctrica e a Corporación de Enerxía de Gaza, o envío de electricidade desde Exipto sufriu grandes deficiencias nos últimos meses debido aos fallos rexistrados na estación xeradora. Aliás, a empresa vén de advertir nun comunicado que unhas 60.000 persoas non están ao corrente do pago e asegura que este feito impide comprar o combustíbel suficiente para a central.

Empeoramento da calidade de vida

Dispoñer só de seis horas de electricidade ao día durante o inverno representa un empeoramento da calidade de vida, xa diminuída polo bloqueo por mar e terra ao que Israel ten sometida Gaza. Neste territorio viven máis de 2 millóns de persoas.

A Fronte Popular para a Liberación de Palestina fala de "crime humano"

A falta de enerxía está a provocar protestos nas rúas. A Fronte Popular para a Liberación de Palestina cualifica a escaseza de luz de “crime humano” e empraza as forzas políticas a atopar, de inmediato, a maneira de resolver as súas diferenzas para poñerlle fin á situación.

Comentarios