Garzón ve "imprudente" a prohibición total da publicidade de apostas 'online'

O Goberno español ultima o decreto para limitar a publicidade das casas de aposta.
Garzón en rolda de prensa ante os medios (Imaxe Europa Press)
photo_camera Garzón en rolda de prensa ante os medios (Imaxe: Europa Press)

O Executivo español está a traballar no decreto sobre publicidade e xogos de azar coa previsión de telo aprobado antes de rematar a primavera. A lei que impulsa o ministro e líder de Izquierda Unida (IU), Alberto Garzón, procura mudar e limitar a publicidade das empresas de apostas para combater os seus efectos nocivos sobre a economía e a saúde das persoas.

O proxecto someterase a información pública a vindeira segunda feira, 24 de febreiro, mais xa se adiantou que, entre outras medidas, propón prohibir que persoas famosas anuncien apostas e quere limitar a franxa horaria da publicidade do xogo online na televisión, reducíndoa de unha a cinco da mañá. 

Con todo, esa franxa horaria non afectará á televisión e radio cando estas retransmitan eventos deportivos que comecen ás oito da tarde, polo que, por exemplo, serán visíbeis na maioría de partidos de fútbol como os da Liga de Campións.  

Ante tal salvedade, que supón a continuidade da publicidade das casas de aposta en eventos de grande seguimento e audiencia, a asociación de consumo Facua-Consumidores en Acción instou o ministro Alberto Garzón a non permitir a publicidade de casas de aposta nese tipo de eventos. 

Mais o ministro afirmou onte, 21 de febreiro, en rolda de prensa que "experiencias internacionais, como a de Italia, demostraron ser un fracaso, xa que a prohibición total da publicidade, non só é inadecuada, senón que é imprudente", argumentou.
"Hai xente que vai xogar si ou si porque pode ter un problema", sinalou Alberto Garzón, polo que "se nós xeramos incentivos ás empresas a que vaian ao mundo ilegal, porque xa non teñen vantaxes no mundo legal, é probábel que esteamos a empurrar a xente que necesita protección a un mundo ilegal onde non hai ningún tipo de protección", engadiu o ministro.

Comentarios