Garzón marca distancias con Iglesias e abre a billa a apoiar Sánchez desde fóra do goberno

A sala de máquinas de Podemos, debilitada pola minguada colleita de votos deste 26M, non contempla outra hipótese que o goberno de coalición co PSOE. En troca, desde IU Alberto Garzón, quen alerta sobre o achegamento de Ferraz a Cs, prefire pór o acento no programa de goberno antes do que na aterraxe no executivo.

iglesias e garzón
photo_camera Garzón e Iglesias

Non pór o carro antes que os bois. Primeiro ver que programa de goberno se pode implementar. Despois diso, negociar un eventual goberno de coalición. E en todo caso, non desbotar que o acordo co PSOE se limite aos apoios necesarios no Parlamento sen asumir responsabilidades no executivo.

Esta é a posición política que esta terza feira defendeu o líder de IU, Alberto Garzón, en conferencia de imprensa. Marca así claras distancias con Pablo Iglesias, para quen a única vía de encontro co PSOE é partillar cadeiras no consello de ministros.

Aos ollos de Garzón, a entrada no goberno non sempre é unha boa idea. Depende do que se acorde como programa a executar.

Para o dirixente de IU, neste momento están todas as hipóteses abertas, e entre elas a que máis inquieta a organización esquerdista é que finalmente o PSOE olle cara á direita e chegue a un acordo de gobernabilidade con Ciudadanos. 

Este último escenario non parece o máis probábel, despois de Albert Rivera avalar un acordo co resto de forzas dereitistas para afastar Carmena da alcaldía na capital do estado e impedir a chegada de Ángel Gabilondo á presidencia da comunidade autónoma madrileña.

Comentarios