Non pór o carro antes que os bois. Primeiro ver que programa de goberno se pode implementar. Despois diso, negociar un eventual goberno de coalición. E en todo caso, non desbotar que o acordo co PSOE se limite aos apoios necesarios no Parlamento sen asumir responsabilidades no executivo.
Esta é a posición política que esta terza feira defendeu o líder de IU, Alberto Garzón, en conferencia de imprensa. Marca así claras distancias con Pablo Iglesias, para quen a única vía de encontro co PSOE é partillar cadeiras no consello de ministros.
Aos ollos de Garzón, a entrada no goberno non sempre é unha boa idea. Depende do que se acorde como programa a executar.
Para o dirixente de IU, neste momento están todas as hipóteses abertas, e entre elas a que máis inquieta a organización esquerdista é que finalmente o PSOE olle cara á direita e chegue a un acordo de gobernabilidade con Ciudadanos.
Este último escenario non parece o máis probábel, despois de Albert Rivera avalar un acordo co resto de forzas dereitistas para afastar Carmena da alcaldía na capital do estado e impedir a chegada de Ángel Gabilondo á presidencia da comunidade autónoma madrileña.