Gantz promete curar o coronavirus e "a enfermidade do odio" en Israel

O líder de Azul e Branco recibiu no domingo o apoio da maioría da Knesset e nesta segunda feira, a encomenda de formar Goberno.

gantz
photo_camera O presidente de Israel asina a encomenda da formación de Goberno na presenza de Gantz (Twitter: @gantzbe)

O líder do partido centrista Azul e Branco, Benny Gantz, comprometeuse a intentar formar un Goberno "amplo" no prazo máis breve posíbel dadas as actuais circunstancias. Primeiro, pola pandemia do coronavirus, e segundo, pola situación de interinidade política do país tras tres eleccións en menos dun ano.

Gantz, xefe do Exército israelí durante a guerra en Gaza, en 2014, recibiu formalmente hoxe, segunda feira, 16 de marzo, o encargo do presidente, Reuven Rivlin, para formar Goberno despois de que no domingo lograse o apoio de 61 dos 120 deputados da Knesset, a Asemblea.

O ex militar congregou o voto do seu partido así como da Lista Conxunta, coalición de catro partidos, predominantemente árabe, que obtivo 15 escanos nas eleccións do 2 de marzo. O Likud do primeiro ministro saínte, Benjamin Netanyahu, fixérase con 36; Azul e Branco, con 33, e Yisrael Beitenu, o partido do ex ministro ultradereitista Avigdor Lieberman, con 7.

"Urxencia nacional e global"

"Unhas cuartas eleccións non son posíbeis e a chave para a formación dun goberno en Israel está actualmente nas súas mans e nas de todos os cargos electos de todos os partidos", defendeu Rivlin, que lembrou a Gantz o prazo de 28 días para formar Goberno. "É curto, mais dadas as actuais circunstancias de urxencia nacional e global, é longo de máis", sinalou, segundo recollen os medios locais.

Neste sentido, Gantz comprometeuse a facer todo o posíbel para "forxar nuns poucos días un Goberno o máis amplo e patriótico posíbel". "Servirei aos votantes de todos os partidos e a toda a cidadanía de Israel", asegurou, e comprometeuse a "curar" a sociedade do coronavirus así como "da enfermidade da división e do odio".

Comentarios