sábado 25.01.2020
Análise

Gaña o populismo, perde a política

O divorcio entre o Reino Unido e a UE está un pouco máis cerca tras o abafador triunfo conservador nos comicios lexislativos, no que foi unha sorte de segundo referendo sobre o Brexit. Tamén tivo trazos de consulta territorial: o nacionalismo medrou en representación en Escocia e Irlanda do Norte e mantívoa en Gales, mais a maioría absoluta dos tories afasta no tempo a opción dun indyref2 pactado. Véntanse tempos de tensións entre Londres e Edimburgo, con Bruxelas como escenario. 
Boris Johnson, líder do Partido Conservador, que logrou a maioría absoluta o 12-D [Europa Press]
Boris Johnson, líder do Partido Conservador, que logrou a maioría absoluta o 12-D [Europa Press]

"Let's get Brexit done, but first, my friends, let's get breakfast done". Executemos o Brexit, mais primeiro almorcemos. O estilo circense de Boris Johnson no seu discurso de celebración ante a prensa, na liña da moda global de líderes como Donald Trump, conecta cada vez máis con amplas capas dunha sociedade de consumo rápido e pensamento aínda máis fugaz no mundo occidental. 

A vitoria de Johnson o 12-D nas eleccións xerais do Reino Unido ─a maior do Partido Conservador desde a época de Margaret Thatcher, ao lograr 364 asentos dos 650 de Westminster, 47 máis que en 2017─ supón outro cravo no cadaleito da política e un novo pulo ao resucitado populismo, enterrado por vez primeira tras o seu tráxico devir no primeiro terzo do século XX.

No primeiro terzo do século XXI, un día despois dos comicios, os primeiros en saudar con euforia a vitoria de Boris Johnson foron Trump ("O Reino Unido e os EUA serán agora libres para chegar a un novo e masivo Acordo Económico tras o Brexit"); Salvini ("Imos, Boris, imos. A esquerda derrotada tamén no Reino Unido"), ou Le Pen ("ningunha manobra de intimidación pode cun pobo decidido a controlar o seu destino").   

Paso atrás de Corbyn

Na corrente das famosas fake news, a campaña a prol do Brexit estivo inzada de mentiras, desmontadas unha tras outra. Nestas eleccións, as máis sucias que se recordan segundo as e os analistas, os embustes e calumnias nas redes sociais e o papel da prensa amarela volveron xogar un importante papel no resultado final. 

O gran derrotado destes comicios foi Jeremy Corbyn, o líder do Partido Laborista, diana favorita tamén dos dardos envelenados dos tabloides. A campaña de xornais como The Sun, o máis lido da prensa británica, para vinculalo co IRA e co antisemitismo foi constante nos últimos meses. 

jeremy_corbyn

No seu discurso ante os medios, Corbyn defendeu o seu programa, que buscaba loitar contra "as inxustizas e as desigualdades que existen neste país", e anunciou que "non liderarei o partido en ningunha futura campaña electoral", despois de a esquerda colleitar os seus peores resultados desde 1935, con 203 representantes, 59 menos dos logrados hai dous anos.

De feito, unha das claves da vitoria de Boris Johnson foi tirar abaixo o "muro vermello" dos laboristas. Comparando o mapa de 2017 co de agora, a cor vermella permanece mais esvaécese entre o azul torie no cinto que vai desde o Val de Clwyd, no nordeste de Gales, até Great Grimsby, no leste de Inglaterra.

Faro de luz desde Escocia

O panorama desolador da esquerda contrasta co resultado do socialdemócrata Partido Nacional Escocés (SNP, polas súas siglas en inglés), que aumentou o número de representantes en 13 respecto a 2017 até se situar en 48 (dos 59 distritos/asentos en xogo). Gañou tamén o de East Dunbartonshire, onde se presentaba a líder dos Liberal Demócratas, Jo Swinson, que xa anunciou a súa dimisión.

O SNP é a primeira forza a nivel nacional e a terceira a nivel estatal. Unha situación que se vén repetindo elección tras elección tanto en Holyrood como en Westminster, e que lle dá unha posición de forza que enche o partido de argumentos para solicitar un segundo referendo de independencia, o popularmente coñecido como indyref2.

nicola_sturgeon

A líder do SNP e primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon, volveu repetir na longa noite electoral que enviará unha carta ao primeiro ministro británico antes do Nadal solicitándolle que o Parlamento escocés poida convocar a consulta arredista.

Isto é, a activación da sección 30 da Scotland Act, a norma do Parlamento británico que en 1998 estabeleceu a devolución de competencias a Escocia (unha especie de Estatuto de Autonomía). A que rexe a "Unión de Escocia e Inglaterra" entra dentro das de Westminster, polo que o Goberno de Escocia non pode convocar un referendo de forma unilateral.

Unha nación dentro da UE

No entanto, este apoio nas urnas ao SNP dá novos folgos a Sturgeon, que está disposta a apelar nos tribunais a prevista negativa por parte de Downing Street. A líder nacionalista está convencida de que a xustiza lles dará a razón.

"Non me enganarei pensando que cada persoa que votou onte (pola quinta feira) polo SNP necesariamente apoia a independencia", apuntou Sturgeon, reunida coa militancia en Glasgow para seguir os resultados, e engadiu: "Mais houbo un potente apoio nestas eleccións para en Escocia podermos elixir sobre o noso futuro; para non termos que aguantar un Goberno do Partido Conservador polo que non votamos, e para non termos que aceptar unha vida como nación fóra da UE”, sinalou.

Un referendo por xeración

Aínda que o SNP venceu en 48 dos 59 distritos escoceses (é dicir, sacou en cada un destes cando menos un voto máis que os seus rivais), a nivel nacional ficou en porcentaxe a seis puntos da maioría absoluta (45%.) Un dato que se apresurou a salientar o secretario de Estado para Escocia (cargo similar ao de delegado do Goberno español na Galiza) e deputado torie por Dumfries e Galloway, Alister Jack.

Cuestionado pola opción de que Boris Johnson active a sección 30 á luz dos resultados do SNP, Alister Jack respondeu: "Non, dixemos que sería unha vez por xeración e esa xeración aínda non pasou. E manteño que nesta xornada (pola quinta feira) votaron máis persoas por partidos unionistas que polo SNP.”

O pulso Londres-Edimburgo aí queda, como queda a incógnita de quen gañará. O que é seguro é que xa se convocou para a vindeira sexta feira un pleno que aborde a saída da UE, prevista para o 31 de xaneiro. Iso, e que os mercados responderon con subas á vitoria da dereita.

A concentración do voto foi clave

En definitiva, na eleccións deste 12-D pesou o Brexit e pesou a unidade do Reino. A cuestión identitaria, nun pobo que desde o cisma de Enrique VIII co Papa de Roma leva a súa independencia política no sangue, agrupou o voto nos Partido Conservador, formación que se nega en rotundo a outro referendo arredista en Escocia. Así, por exemplo, o Partido do Brexit decidiu non competir polo voto cos 'tories'. 

nigel_farage2

A falta de contundencia de Corbyn respecto ao Brexit e a posibilidade de ter que Gobernar co apoio do SNP -que medrou a súa conta, tamén nun proceso de acumulación do voto de esquerdas- xogou na súa contra especialmente en Inglaterra.

Histórico triunfo do Sinn Féin sobre o DUP en Belfast Norte

"Agora é imposíbel ignorar a crecente demanda dun referendo sobre a Unidade Irlandesa e quero reiterar a petición do Sinn Féin ao Goberno irlandés para que estabeleza sen demora un foro de toda Irlanda sobre a Unidade Irlandesa", finaliza o comunicado emitido onte pola presidenta do Sinn Féin, Mary Lou McDonald, en referencia aos resultados das eleccións ao Parlamento británico nos distritos de Irlanda do Norte.

O Sinn Féin é outro dos gañadores da xornada electoral no Reino Unido. O partido republicano irlandés conseguiu 7 representantes, o mesmo número con que contaba en 2017, mais cun cambio significativo: perdeu o do distrito de Foyle a favor do tamén nacionalista irlandés Partido Socialdemócrata e Laborista (SDLP, polas súas siglas en inglés), e gañou en troques, nun resultado histórico, o de Belfast Norte.

Este último representante ten un gran valor simbólico xa que a vitoria do deputado do Sinn Féin, John Finucane, por esta circunscrición produciuse sobre o veterano Nigel Dodds, segundo de a bordo do Partido Unionista Democrático (DUP) e portavoz até o de agora da formación en Westminster.

michelle_oneill2

O triunfo de Finucane sobre Dodds deuse por menos de dous mil votos.

O nacionalismo irlandés, sumando os 7 escanos do Sinn Féin e os 2 atinxidos polo SDLP, conseguiu nos comicios do 12-D máis representantes que o unionismo, personificado no DUP, que baixou de 10 a 8. Pola súa banda, o Partido da Alianza de Irlanda do Norte (APNI, liberal, proeuropeísta e "non sectario"), sumou un.

Ademais, a suma de votos do Sinn Féin e do SDLP (máis de 300.000) é maior que a conseguida polo DUP (244.127).

Os catro distritos en que se divide a capital, Belfast, foron para o Sinn Féin (Norte e Oeste), SDLP (Sur) e DUP (Leste).

O espigón amarelo do Plaid Cymru terma da corrente azul conservadora

A tendencia á alza do Partido Conservador no conxunto do Reino Unido en detrimento do Partido Laborista estendeuse tamén a Gales, onde os de Boris Johnson incrementaron en seis asentos a súa representación no Parlamento británico até se situaren en 14, o seu mellor resultado da historia. 

Non obstante, a mellora nos seus resultados non se explica por unha suba no número de votos, que tan só se incrementou en 3% con respecto a 2017, senón principalmente polo afundimento do Partido Laborista, que perdeu 8% dos votos. 

Os laboristas foron borrados case por completo do mapa do Norte de Gales, perdendo en todos os distritos agás en Alyn e Deeside, que conservaron por 213 votos. No Sur, porén, os conservadores tan só atinxiron o representante da circunscrición de Bridgend e mantiveron o do Bro Morgannwg, ficando lonxe de conseguir asento nos distritos da capital, Cardiff, onde o laborismo logrou aguantar a corrente.

plaid

Os nacionalistas do Plaid Cymru, pola súa banda, conservaron os seus catro asentos en Westminster, os catro mesmos con que contaba até o de agora e polos catro mesmos distritos: Arfon, Dwyfor Meirionnydd, Ceredigion e Carmarthen Este e Dinefwr, o arco que une de norte a sur o Mar de Irlanda coa Canle de Bristol.

No caso de Arfon e Ceredigion aumentou a porcentaxe de voto con respecto a hai dous anos, aínda que a nivel nacional baixou -1%. En calquera caso, este último dato non pode ser tomado en consideración xa que o Plaid Cymru decidiu non se presentar en cinco circunscricións en base ao Pacto pola Permanencia asinado con Os Verdes e cos Liberal Demócratas co fin de acumular voto en contra dos 'probrexitstas' tories.

comentarios