O Gamonal reaxe contra a represión con máis protesta

Após catro días de mobilizacións contra a construción dun aparcadoido subterráneo, a veciñanza do barrio burgalés do Gamonal continúa cos protestos malia a represión policial. @s manifestantes sinalan que as súas denuncias van para alén do rexeitamento ás obras nun barrio obreiro atinxido por un 20% de desemprego. 

DIEGO SU
photo_camera Imaxe Diego SU [NAIZ]

Comezou hai perto dunha semana. Centos de veciñ@s do barrio obreiro do Gamonal (Burgos) saíron á rúa para amosaren o seu rexeitamento á construción dun boulevard e un aparcadoiro subterráneo que suporán importantes prexuízos para a veciñanza local, entre eles, a duplicación do tempo que tardarán en se trasladaren á capital onde traballa a maior parte da poboación ou o custe que representará para as arcas públicas do concello unha obra que rolda os 8 millóns de euros. Aliás, lembran @s manifestantes, o goberno local --en mans do partido Popular-- ameaza co fechamento dunha escola infantil por falta de financiamento. 

Face esta realidade, nun distrito en que o 20% da poboación está no desemprego --a súa maioría, xente moza-- as mobilizacións para frear as obras endurecéronse nas últimas xornadas. Con virulentos conflitos entre a veciñanza e a policía española, o número de detid@s supera xa o medio cento de persoas. 

Veciñ@s do Gamonal denuncian o aumento da represión por parte das forzas de seguridade do Estado que na xornada de onte mesmo chegaron a irromper en varios portais para deter a algúns manifestantes. Neste senso, a asemblea do barrio advirte que a protesta será indefinida até paralizárense definitivamente as obras.

Comentarios