Chamamento desde Galiza a prol de Palestina no día da 'Nakba'

“O que pretendemos é que todos aqueles grupos que se interesan por este problema tan serio, se articulen a través dunha coordinadora que os reúna", apunta Elvira Souto, de Esculca, o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades civís en Galiza.
Palestina-na-Galiza
photo_camera As promotoras da iniciativa, diante do Parlamento Galego (Foto: Arxina).

No día en que o pobo palestino conmemora a Nakba (‘Catástrofe’) que para eles supuxo a creación do Estado de Israel e o posterior éxodo Palestino de 1948, un grupo de cidadáns levou a cabo unha serie de accións para visibilizar unha situación que denunciaba a pasada semana Óscar Valadares en Nós Diario, sinalando que “desde que a ANP decretou o estado de emergência, e aproveitando que outros países se viraram para dentro, vão já mais de 200 incursões de colonos e grupos militarizados em bairros e vilas da Cisjordânia. Nessas incursões, famílias inteiras perdem as suas casas e as suas terras.”

“O que pretendemos é que todos aqueles grupos que se interesan por este problema tan serio, se articulen a través dunha coordinadora que os reúna, e o primeiro paso que levamos a cabo é chegar aos grupos do Parlamento Galego para instalos á que lle digan á Xunta que fale co Goberno español para que use todos os mecanismos que estean ao seu alcance para mostrar o seu desacordo e impedir esta barbarie”, di Elvira Souto, de Esculca, o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades civís en Galiza.

“Ao Executivo do Estado español –continúa- tamén lle mandamos unha carta que imos rexistrar hoxe telematicamente dicíndolle que o que se defende na rúa tamén hai que defendelo cando se goberna, pois hai grupos no poder que antes defendían nas rúas a liberdade para Palestina”.

Por iso nace esta “grande iniciativa”, para “sumar” todas as forzas na Galiza –“que son moitas”- que están a favor dos dereitos dos e das palestinas, da recuperación do seu territorio e o retorno das persoas expulsadas.

Aínda que o “obxectivo máis inmediato”, segundo revelan, é “evitar que se consume a decisión de Netanyahu e Trump de aproveitar esta gran crise mundial da COVID-19 para anexar o pouco que lles queda para Israel”, conclúe Souto.

Comentarios