Mobilizacións na Galiza mostraron rexeitamento ao golpe en Bolivia

Diversas localidades do país acolleron mobilizacións para denunciar o golpe de Estado acontecido en Bolivia e a represión política, policial e militar contra o pobo.

Concentración na Coruña (cedida)
photo_camera Concentración na Coruña (cedida)

Continúan na Galiza as protestas para rexeitar a violencia e o golpe de Estado en Bolivia. Ás 20.30 horas desta quinta feira 21 de novembro desenvolvéronse concentracións simultáneas de apoio ao pobo boliviano na Coruña, Lugo, Ourense, Santiago, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo.

Sob o lema «solidariedade co pobo boliviano e o seu lexítimo presidente Evo Morales» decorreron os protestos internacionalistas.

A convocatoria foi difundida desde a páxina web que alberga o ‘Manifesto con Bolivia’ subscrito por diversas personalidades da cultura, do mundo sindical, político e social da Galiza. Entre as organizacións que chaman a apoiar estas mobilizacións están  CCOO, PCG ou Anova, entre outras. 

«Esiximos a fin da violencia, explícita e implícita, contra a clase obreira boliviana e as nacións indíxenas orixinarias», reza o manifesto. A pasada semana varias cidades galegas xa foron escenario de concentracións de apoio ao pobo boliviano e contra o golpe, convocadas desa vez por Mar de Lumes.

A violencia exercida polo exército e a policía contra as persoas opositoras ao golpe agravouse nos últimos días. Na pasada sexta unha marcha de produtoras e produtores de coca no departamento de Cochabamba acabou sendo atacada polas forzas do orde. Nove civís morreron e máis de 120 resultaron feridos.

Após a demisión de Evo Morales o pasado 10 de novembro debido ao golpe cívico-policial-militar producíronse numerosas e masivas marchas contra o acceso antidemocrático da dereita ao poder e contra a autoproclamada presidenta do Estado, Jeanine Áñez.  

Comentarios