Análise en pleno incendio de Pedrógão

Galiza e Portugal, florestas xemelgas

Son dous dos países con importantes superficies arboradas (48% de territorio na Galiza e 36% en Portugal) e nos que o eucalipto depredou nestas décadas boa parte dos montes. Ao tempo, o rural, tanto o galego como o luso, sofren despoboamento e abandono.

Zona calcinada incendio Pedrógrão Grande. Portugal. 19 xuño de 2017
photo_camera Zona calcinada polo incendio de Pedrógão Grande

A traxedia de Pedrógão conmociona boa parte do mundo e é seguida moi especialmente na Galiza, non só por veciñanza e afinidades históricas, culturais e lingüísticas, mais tamén porque aquén Miño os incendios forestais son unha realidade presente ano tras ano. Situacións como o despoboamento do rural, a proliferación de especies pirófilas son partilladas a ambas as dúas beiras do Miño.

  • 17% e 8%. O eucalipto vai camiño de ocupar 17% do territorio galego, denunciaban ambientalistas como Adega hai apenas unhas semanas, unha porcentaxe que duplica a de Portugal, onde é 8 por cento. Porén, mentres Lisboa decidiu fixar unha moratoria sobre o eucalipto até 2030 e impulsar repoboacións de especies como a sobreira (que aumenta un 35% súa superficie) ou o carballo (40%), no goberno galego falla –denuncian ambientalistas- unha política de país neste sentido, afirmando que actualmente o que hai é unha supeditación a Ence e os seus intereses.

 

  • Extensión a un ritmo de vertixe. Na Galiza o eucalipto ocupa por volta de 425.000 hectáreas, o que supón o duplo do que ocupaba hai trinta anos. E, ademais, é unha cifra que representa duplicar o previsto no plan forestal de 1992. As estimacións de Medio Rural eran que houbese 245.000 hectáreas en 2032. Algo semellante aconteceu en Portugal. O eucalipto ocupa 811.000 hectáreas, 100.000 máis que hai dúas décadas. Daquela era a terceira especie con maior peso na floresta portuguesa e agora é a primeira. Por volta de 26% do monte portugués é eucalipto. As que historicamente foran especies dominantes (piñeiro bravo, sobreira) non pasan agora de 23% cada unha.

 

  • Superficie arborada. Galiza ten 1.400.000 hectáreas de superficie arborada, segundo dados da Xunta. O que supón 48%, case a metade do territorio. De por parte, en Portugal é perto de 36% a superficie florestada, máis dun terzo do país. Partillan Galiza e Portugal, a respecto do monte, un elemento común e que apenas ten presenza noutras latitudes: os montes veciñais en man común ou baldíos. Máis de 12% do monte luso pertence a este tipo de propiedade de titularidade colectiva. Na Galiza, e segundo datos de Montenoso, son máis de 640.000 hectáreas as de monte veciñal en man común, 33% do territorio. En Portugal e Galiza apenas 3% do monte é de titularidade pública, porcentaxe moito máis baixa que no resto do Estado e Europa.

 

  • Despoboamento. O despoboamento do rural é outro elemento partillado entre ambos os dous países. Unha realidade que implica un abandono que é un factor determinante á hora de entender os incendios forestais. A ‘zona cero’ do incendio que asola Portugal foi o concello de Pedrógão, un pequeno municipio que non chega aos catro mil habitantes. O censo de 2011 é de 3.917 poboadores, dos que máis de 1.300 teñen máis de 65 anos. No 1900 Pedrógão tiña 14.157 habitantes. A comezos da década dos 60, máis de 8.200. Hoxe en día, menos da metade. Unha evolución e unha realidade ben coñecida tamén ao norte do Río Miño.

 

  • Incendios. Galiza e Portugal figuran entre as áreas de Europa máis afectadas polos incendios forestais. Máis de 21.000 hectáreas calcinadas en Galiza ao longo de 2016. En Portugal, e nos primeiros 8 meses do ano pasado, a cifra de hectáreas arrasadas polas lapas superaba as 116.000. Ambos os dous países saben o que é, ano tras ano, sufrir incendios forestais. No que vai de século, o ano máis duro para Galiza neste sentido  foi 2006 (case 96.000 Has queimadas) e para Portugal 2005 (339.000).

Comentarios